Deputación de Lugo

A Deputación destaca en Negueira a “singularidade e exclusividade” dos viños das Terras do Navia

O Deputado de Medio Ambiente participou este sábado, xunto ao Alcalde, na XVI edición da Festa do Viño, que reuniu a centos de persoas neste municipio da Montaña

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este sábado xunto ao Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, nos actos da XVI edición da Festa do Viño, que reuniu a centos de persoas neste municipio da Montaña lucense e que se consolida como referente do calendario enolóxico da provincia.

Carlos López puxo en valor a “singularidade e exclusividade” deste viños amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia (IXP), que xogan un importante papel na dinamización económica e social do rural, e que cada ano gañan maior recoñecemento pola súa calidade e pola súa vinculación co territorio. Así mesmo, subliñou o esforzo dos produtores locais e o potencial da zona para consolidarse como un territorio vitivinícola de referencia, grazas a unhas condicións naturais únicas e a unha tradición en constante evolución.

A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.

A Asociación Bodegueiros do Navia organizan esta cita, que contou tamén con actuacións musicais e que converteu a xornada nunha celebración do viño, da cultura e da identidade do territorio.