A Presidenta sinala Pedrafita como exemplo de como “dende o rural e a identidade construímos provincia”, durante o seu pregón na 38ª Festa do Queixo do Cebreiro
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, foi a encargada de pregoar a trixésimo dezaoito edición da Feira do Queixo do Cebreiro que se celebrou o Venres Santo, como é habitual, congregando a centos de persoas no concello da Montaña lucense. A mandataria provincial reivindicou na súa intervención “a importancia do rural e da identidade como elementos fundamentais para construír o futuro da provincia”. Neste senso, situou a Pedrafita como exemplo de concello que consegue manter viva a comunidade grazas ao esforzo da veciñanza, ao coidado do territorio e á preservación das tradicións.“O verdadeiro valor deste territorio está na xente. Na xente que decidiu quedar. Na xente que decidiu coidar. Na xente que decidiu construír futuro aquí… Pedrafita do Cebreiro segue viva, é comunidade, é historia viva.”
Así mesmo, subliñou o papel deste territorio como porta de entrada a Galicia, un lugar que marca un “antes e depois” para quen chega, especialmente para os peregrinos do Camiño de Santiago. No pregón destacou o valor do queixo do Cebreiro, “non é só alimento, senón tamén cultura, herdanza e identidade”, resultado don traballo de xeracións que preservaron a esencia do rural galego recalcou a Presidenta, “este queixo faise con tempo, con saber e con respecto”. “Dende o rural e a identidade construímos provincia”, recalcou a Presidenta destacando que o futuro constrúese desde os concellos, as parroquias e a xente, e reafirmou o compromiso da Deputación coa provincia e cos seus concellos. “Lugo non se entende sen os seus concellos e non ten futuro sen eles, e a Deputación vai estar ao seu lado sempre.”, aseverou.
Pregón da Presidenta da Deputación
Din que neste lugar, hai séculos, ocorreu algo extraordinario. Un labrego subiu ata O Cebreiro no medio do inverno, con frío, con vento… con todo en contra. E din que alguén dubidou del. Pero aquel día, aquí, pasou algo que marcou este lugar para sempre. O que hoxe coñecemos como o milagre do Cebreiro. E co tempo, ese relato vinculouse ao Santo Grial. E por iso o escudo da provincia de Lugo leva un cáliz. E como presidenta da Deputación de Lugo, en nome de toda a provincia, é unha honra estar hoxe aquí, nun lugar que define quen somos.”
Bo día a todas e a todos,
queridas cebreiregas e queridos cebreiregos, autoridades, veciñas e veciños, e visitantes que hoxe nos acompañades,
Hai lugares aos que se chega… e hai lugares que che quedan dentro. Pedrafita do Cebreiro é un deles.
Este é o primeiro pregón da miña vida e poder facelo aquí, diante das cebreiregas e cebreiregos, non é só unha responsabilidade… é tamén un privilexio que vou lembrar sempre.
Porque quen sobe ata aquí non chega só a un lugar. Chega a un cambio. Aquí cambia a paisaxe. Aquí cambia o aire. Aquí cambia o ritmo. E iso non pasa en moitos sitios.
Porque Pedrafita do Cebreiro é tamén iso: porta de entrada a Galicia. Un lugar onde comeza algo. Un lugar que marca un antes e un despois para quen chega.
Pero tamén é un lugar onde moita xente decidiu quedar. Facer vida. Crear futuro. Construír comunidade. E iso ten moitísimo mérito.
Porque estamos falando dun territorio de montaña, esixente, duro ás veces… hai que resistir ao frío, á distancia, ás dificultades do día a día. Hai que pelexar por manter servizos, por manter vida. Vivir na montaña non é fácil. Non o foi nunca. E precisamente por iso, aquí todo ten máis valor. O verdadeiro valor deste territorio está na xente. Na xente que decidiu quedar. Na xente que decidiu coidar. Na xente que decidiu construír futuro aquí.
Porque grazas a iso, O Cebreiro, Fonfría, Hospital, Liñares, Lousada, Louzarela, Pacios, Padornelo, Pedrafita do Cebreiro, Riocereixa, Veiga de Forcas e Zanfoga. Siguen VIVOS. Son comunidade. Son lugares con identidade. Son historia viva.
E iso é o que hoxe celebramos. Non só un produto. Non só unha festa. Celebramos unha forma de vivir.
Porque o queixo do Cebreiro non é simplemente alimento. É cultura. É herdanza. É identidade. É o resultado de xeracións que souberon manter o importante. Hai moito tempo, antes de falar de marcas ou recoñecementos, xa había aquí xente facendo queixo. Facíano porque era necesario. Facíano porque era o seu modo de vida. Facíano porque formaba parte do día a día.
E sen pretendelo, estaban creando algo único. E iso é o que fai grande este lugar: a autenticidade. Este queixo non se fai só con leite. Faise con tempo, con saber e con respecto. Faise con vida.
Eu sempre digo que podería vivir comendo só pan e queixo. E é verdade. Porque nas cousas máis simples está o esencial. E iso é o que ten este queixo. E por iso é tan especial. Porque o rural non é o lugar onde faltan cousas. É o lugar onde están as cousas importantes.
O queixo do Cebreiro é un orgullo colectivo. É unha maneira de dicir quen somos. É unha maneira de compartir co mundo o que temos. Sei ben o significativo que é para un territorio manter vivas celebracións coma a de hoxe, porque eu tamén son alcaldesa. E sei o que significa estar ao fronte dun concello. Sei o que custa sacar as cousas adiante. Sei o que hai detrás de cada decisión.
Por iso quero recoñecer ao alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e a todo o seu equipo, polo traballo que están a facer e polo compromiso co seu concello.
Un concello que tamén é encontro. Porque moitos peregrinos pasan por aquí cada ano. Chegan dende distintos países, con distintas historias… pero todos atopan algo. Atopan calma. Atopan verdade. Atopan acollida. E iso leva séculos sendo así. Porque este sempre foi un lugar de benvida. E agora si, permitídeme ampliar a mirada.
Porque a provincia de Lugo é diversidade. Dende a montaña dos Ancares ata o mar da Mariña, somos un territorio cheo de riqueza e oportunidades. E como presidenta da Deputación de Lugo, téñoo claro: O futuro constrúese dende lugares como este. Dende concellos como Pedrafita do Cebreiro. Dende as súas parroquias. Dende a súa xente.
Porque Lugo non se entende sen os seus concellos. E Lugo non ten futuro sen eles. E a Deputación vai estar ao seu lado. Sempre. Traballando, colaborando e sumando. E hoxe, aquí, en Pedrafita do Cebreiro, Celebramos o que somos. Nun mundo que vai demasiado rápido, lugares como este ensínannos a parar, a mirar, a valorar, a non esquecer o importante.
Moitísimas grazas, que viva Pedrafita do Cebreiro, que viva o Cebreiro, que viva o seu queixo, e que viva a provincia de Lugo.