A exposición O Río que nos move inicia a súa itinerancia en Meira co apoio da Deputación
“Permite revivir unha aventura pioneira e reflexionar sobre o valor cultural, histórico e ambiental do río Miño, así como sobre a importancia da súa conservación”, subliñou Carlos López sobre este proxecto co que colabora a institución provincial
A mostra poderá visitarse durante todo o mes de abril no Espazo Cultural O Centro, e continuará a súa viaxe por Lugo, Portomarín e outras localidades galegas.
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este mércores en Meira na inauguración da exposición itinerante O Río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo. Esta mostra fotográfica documenta o primeiro descenso completo do río Miño, dende Pedregal de Irimia á Guarda realizado en 1985 por cinco mozos que construíron as súas propias canoas e afrontaron esta aventura sen apoio externo.
Carlos López destacou durante o acto, que tivo lugar no Espazo Cultural, a colaboración da institución provincial coa Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño neste proxecto e puxo en valor o seu interese para divulgar o patrimonio natural e cultural do río Miño e reforzar a conciencia ambiental arredor deste espazo emblemático.
Neste sentido, sinalou o Deputado que esta iniciativa que arranca en Meira, no lugar onde nace o Miño, “permite revivir unha aventura pioneira e reflexionar sobre o valor cultural, histórico e ambiental do río Miño, así como sobre a importancia da súa conservación”, ao tempo que subliñou o papel da Deputación de Lugo na protección e divulgación da Reserva da Biosfera Terras do Miño xestionada pola instución provincial.
Na inauguración estiveron presentes os protagonistas da aventura- Carlos Carrera, Rafa Cid, Juanjo Otero, Xurxo Estévez e Santos González-, así como co xeógrafo Francisco Rodríguez Lestegás, e representantes do Concello de Meira e da Confraría Nosa Señora do Pedregal.
Máis de 100 imaxes da histórica travesía polo Miño
O Río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño reúne máis de 100 fotografías que documentan a travesía, xunto con fragmentos do diario da expedición. Retrata a aventura pioneira de cinco mozos – Carlos Carrera, Rafa Cid, Juanjo Otero, Xurxo Estévez e Santos González – que construíron as súas propias canoas e emprenderon a travesía sen apoio externo.
A mostra conmemora os 40 anos desta experiencia histórica e forma parte dun proxecto máis amplo que se completará cun documental e cun libro do xornalista Rafa Cid. O proxecto busca non só celebrar esta travesía pioneira, senón tamén promover a conciencia medioambiental, reflexionar sobre a importancia cultural e ecolóxica do río Miño, e destacar o seu papel como eixe vital da paisaxe galega.
A mostra poderá visitarse en Meira ata o 28 de abril e continuará a súa itinerancia por Lugo (O Vello Cárcere, 6 de maio), Portomarín (xuño), e posteriormente en O Rosal, Tui, Ourense, Castrelo de Miño e A Guarda.