A Deputación participa na Pobra de Brollón na xuntanza da Rede Municipalista Solidaria
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este xoves na xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, que tivo lugar na Casa da Cultura Olga Novo, no concello da Pobra de Brollón. O encontro reuniu representantes municipais para analizar as actuacións realizadas no pasado exercicio e definir as liñas de actuación que as administracións locais galegas desenvolverán durante 2026 en países en vías de desenvolvemento.
A xuntanza foi promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que agrupa a 119 concellos galegos e as catro deputacións. Forma parte dunha rolda provincial de reunións co obxectivo de presentar o plan de actividades do ano, recoller propostas dos concellos e facer balance do exercicio anterior. Estas reunións iniciáronse o 26 de xaneiro en Ourense, continuaron o 28 en Cerdedo-Cotobade, o 29 na Pobra de Brollón e rematarán o 30 en Pontedeume.
Durante a xuntanza, Cajoto Caserío destacou o papel fundamental das administracións locais na promoción de políticas de cooperación internacional, solidariedade e sensibilización social, así como a importancia do traballo en rede para coordinar e fortalecer a acción municipalista en materia de saúde, igualdade de xénero e dereitos humanos.
O Fondo Galego manterá o seu foco de actuación en países como Cabo Verde, Mozambique e Guinea-Bissau, seguindo os obxectivos da Axenda 2030. No pasado exercicio impulsou, entre outras, accións de sensibilización e educación global, como teatro de monicreques, cinefórum, charlas, formacións sobre xestión da axuda humanitaria e intercambios institucionais.
Entre as actividades previstas para 2026 destacan a exposición Fontes de solidariedade, novos cinefórums con curtametraxes de África e unha obra de teatro da compañía Tropa de Trapo. Ademais, este 2026 desenvolveranse diferentes actuacións con motivo da conmemoración do 50 aniversario da Proclamación da República Árabe Saharauí Democrática.
O Fondo Galego
A Deputación de Lugo forma parte, xunto ao resto de deputacións galegas e a 84 concellos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través desta rede, os concellos concentran os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento, asegurando unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos de impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego desenvolveu preto de 200 proxectos en 25 países e promove múltiples actividades e materiais para sensibilizar sobre os desequilibrios Norte-Sur.