Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Gran Camiño chegará á Mariña e á Terra Chá co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

O GRAN CAMIÑO
Ciclismo
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Barreiros
Vilalba
Terra Chá
A Mariña
A etapa lucense da volta galega, que se celebrará o 15 de abril, terá a saída en Vilalba e a meta nas praias de Barreiros

O Gran Camiño chegará por primeira vez ás comarcas da Mariña e da Terra Chá. As praias de Barreiros acollerán a meta lucense da segunda etapa da volta ciclista galega, que terá a saída en Vilalba e que conta unha edición máis co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O vicepresidente Efrén Castro,  o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García e o organizador da volta Ezequiel Mosquera, adiantaron os puntos de saída e meta da etapa que se celebrará o 15 de abril, xunto ás alcaldesas de Barreiros Ana Ermida e de Vilalba Marta Rouco.

No acto, celebrado na Casa do Concello de Barreiros, Efrén Castro sinalou “a colaboración mantida con O Gran Camiño desde a primeira edición, apostando polo ciclismo como plataforma para poñer en valor o territorio” e , nese sentido, subliñou que “a proba chegue por primeira vez ás comarca da Mariña e da Terra Chá, as dúas espectaculares”.

O vicepresidente valorou a posibilidade que ofrece O Gran Camiño “de levar o deporte internacional de máximo nivel a concellos como Vilalba ou Barreiros, que quizais non terían esa opción con outros deportes que requiren grandes infraestruturas deportivas” e agradeceu “a colaboración dos concellos”, destacando “o esforzo loxístico e de xestión que supón acoller unha proba como esta, que destaca pola súa boa organización”.

Ana Ermida explicou “que este punto no que estamos é froito do traballo que se está a facer en Barreiros no ámbito deportivo, coa cabeza sempre posta no deporte de base, que é fundamental para concellos como o noso, pero tendo claro tamén que Barreiros pode ser, neste caso, orgullosa chegada dun evento como este e acoller o ciclismo profesional que nos sirve para poñer en valor o noso territorio pero tamén para crear referentes para a xente que ven detrás. A Mariña deu grandes ciclistas e pode seguir dándoos”.

Marta Rouco agradeceu “a aposta por Vilalba para ser punto de saída da etapa. Vilalba ten, entre outros moitos encantos, paisaxes que van facer desa saída da etapa” e lembrou tamén que “Vilalba ten tradición de ciclismo, citas moi destacadas como o Día da Bicicleta que ten 30 edicións ou a Ruta Ciclista San Simón da Costa, que celebramos en colaboración cos concellos de Muras e Xermade. Somos un concello acolledor e alí estaremos para recibirvos a todos cos brazos abertos”.

Sen desvelar máis detalles sobre o trazado, que se dará a coñecer o vindeiro 6 de febreiro, xunto ao do resto das etapas – catro en Galiza, unha por provincia, e unha en Portugal -, Ezequiel Mosquera apuntou que “será unha etapa divertida e con moito espectáculo deportivo polo medio porque a comarca se presta” e indicou que “ademais de ofrecer imaxes espectaculares ao mundo, queremos que a etapa sexa relevante e quede na retina tamen da xente de aquí”.

O Gran Camiño na provincia

O Gran  Camiño amosará ao mundo a metade norte da provincia tras catro edicións nas que as etapas lucenses centraron o percorrido nas comarcas da montaña e do sur, cunha contrarreloxo individual en Sarria na primeira edición, unha etapa entre Lugo e Sarria (con paso polos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, o Incio e Samos), na segunda,  un itinerario pola Ribeira Sacra Lucense (Taboada, Monterroso, Palas de Rei, Guntín, Portomarín, Paradela, O Saviñao e Chantada), na terceira, e unha etapa de montaña entre A Pobra do Brollón e Pedrafita do Cebreiro  ( con paso por Monforte de Lemos, Bóveda, O Incio, Sarria, O Páramo, Láncara, Baralla, Becerreá, Cervantes, As Nogais e Vega de Valcarce, no Bierzo), o ano pasado.

Alejandro Valverde, gañador da primeira edición, e Jonas Vingegaard, vencedor nas dúas seguintes, e Derek Gee forman o palmarés da proba, que contou desde a primeira edición co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo no obxectivo de consolidar no calendario unha gran volta ciclista que situase Galiza no calendario do ciclismo internacional.