A chegada do ferrocarril centra unha nova actividade divulgativa do Xeoparque Montañas do Courel co que colabora a Deputación
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu a benvida este sábado en San Clodio ás persoas que participaron nunha nova actividade divulgativa organizada polo Xeoparque Montañas do Courel. Esta segunda proposta, que se centrou na chegada do ferrocarril, enmárcase dentro da iniciativa Outono Xeolóxico, a programación de actividades anuais que pon en marcha este colectivo co obxectivo de promocionar o territorio.
A actividade incluíu a visita aos Xeomiradoiros das Fontes e o de Pómez, ao Pazo da Costa, onde os asistentes puideron desfrutar dunha cata dos seus viños, e un paseo urbano pola contorna de San Clodio.
García Porto recordou que a institución provincial colabora co Xeoparque cunha achega económica de 25.000€ “para realizar diferentes accións de promoción e difusión coma esta”. Nesta liña, agradeceu o traballo que levan a cabo para “divulgar a riqueza xeolóxica, cultural e paisaxística deste territorio. Un traballo do que a institución provincial forma parte, colaborando de maneira firme e continuada para que iniciativas así sigan medrando e atraendo cada vez máis visitantes”.
“O Courel é un lugar único, recoñecido pola UNESCO, e tamén un exemplo de como a unión dos concellos, da comunidade científica e das administracións pode crear oportunidades, impulsar o desenvolvemento sostible e contribuír a fixar poboación no rural. Ese é o noso compromiso: seguir apoiando un modelo de turismo responsable, de calidade, que respecte o territorio e que xere valor aquí, onde máis se necesita” recalcou.