Deputación de Lugo

O Presidente e o Alcalde da Pontenova visitan o parque infantil da Praza dos Fornos que renovou a Deputación cun investimento de 65.000€

A Pontenova
José Tomé Roca
darío campos

José Tomé Roca comprobou xunto a Darío Campos Conde o resultado das obras de renovación e ampliación deste espazo que levou a cabo o Concello mariñán grazas a  un acordo coa institución provincial por importe de máis de 122.000€

“Sempre digo que somos o Concello dos Concellos e probámolo con feitos todos os días. Hoxe coa mellora desta zona de xogos, que é a única do núcleo pontenovés, e que o Goberno local non podería afrontar sen a nosa axuda”, destacou o Presidente 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, veñen de comprobar o resultado das obras de renovación e ampliación do parque infantil da pontenovesa Praza dos Fornos. A actuación financiouse grazas a un investimento de 65.000€ dos 115.000€ que achegou a institución provincial a través dun convenio de colaboración co Concello mariñán que contemplaba ademais a mellora da rede viaria de Souto de Mogos, na parroquia de Conforto.

“Sempre digo que somos o Concello dos concellos e probámolo con feitos todos os días. Hoxe coa mellora desta zona de xogos para os nenos e nenas, que é a única do núcleo pontenovés, e que o Goberno local non podería afrontar sen a nosa axuda”, argumentou o mandatario provincial. Valorou que a actuación na Praza dos Fornos “está a mellorar a calidade de vida das familias deste municipio” e nese sentido, destacou que “un parque infantil non é só un espazo para a infancia”, é un punto de encontro para a veciñanza. Ademais subliñou o impacto económico da intervención, “contribuímos a facer máis atractiva unha praza esencial para o desenvolvemento turístico da Pontenova”.

Concretamente, a achega da institución provincial serviu para a creación dun novo parque infantil cuberto, cunha estrutura de madeira e pizarra, destinado aos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, anexo á zona de recreo xa existente, que se mellorou coa renovación do pavimento e a substitución dos diferentes elementos de xogo.

Lembrou o Presidente que ademais, a Deputación vén de asinar outro acordo coa Pontenova por un importe de 250.000€ para, entre outras actuacións, humanizar a zona do aparcadoiro desta praza cun investimento de máis de 140.000€. E que nos últimos anos a institución provincial investiu no concello pontenovés máis de 6,5M€.