Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación urxe á Xunta a exercer o dereito de retracto sobre Caldaloba e comezar xa coa súa restauración e posta en valor

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
TORRE DE CALDALOBA
patrimonio

A deputada de Cultura Iria Castro informou dos termos en que a Deputación de Lugo propón á Xunta que exerza o dereito de retracto sobre a parcela na que se ubica a Torre de Caldalboa, adquirida en 2022 pola entidade provincial.

A Deputación solicitará a Xunta de Galicia que se comprometa a garantir e facer efectiva a protección, conservación, restauración e consolidación da Torre de Caldaloba, preservando o seu valor histórico e arqueolóxico e que abone á Deputación de Lugo o prezo de adquisición do ben -106.000 euros – e os gastos derivados da taxación e medición e das xestións de rexistro e notaria.

A responsable provincial explicou que “a compra dos terreos por parte da Deputación tiña como obxectivo a incorporación da Torre ao patrimonio público para levar a cabo un proxecto de consolidación e posta en valor acorde co seu valor histórico e simbólico. E iso é o que pedimos á Xunta de Galicia neste proceso de negociación que agardamos se poida resolver de forma inmediata para que a Xunta e o Concello de Cospeito actúen xa sobre o ben e seu entorno”.

A proposta, que os servizos xurídicos da Deputación trasladarán á Xunta, formúlase no contexto do proceso de negociación decretado polo Xulgado logo da demanda presentada polo goberno galego en relación coa compra do ben, o pasado mes de abril.

A Deputación de Lugo solicitara ao Xulgado a suspensión do procedemento xudicial e a apertura deste procedemento de neogiciación para avanzar canto antes na restauración da fortificación, despois de tres anos e medio de bloqueo administrativo por parte da Xunta de Galicia.