A Deputación únese ao Emevé na loita pola igualdade e contra a violencia machista neste 25N
A Deputación de Lugo, a través da Deputada de Muller e Igualdade Marisol Morandeira, participou na presentación do partido especial que o Club Voleibol Emevé dedicará ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O encontro servirá para sensibilizar sobre o deporte feminino galego e visibilizar a loita contra a violencia machista.
Marisol Morandeira felicitou ao Club lucense “por poñer en valor o papel do deporte feminino como espazo seguro, igualitario e esencial na construción dunha sociedade libre de violencia”. Así mesmo, destacou o traballo diario do club a favor da igualdade, facendo fincapé en que “a violencia machista non é un problema privado, senón unha vulneración de dereitos humanos que require a implicación de toda a sociedade”.
Durante o acto, a Deputada provincial de Muller e Igualdade subliñou a importancia de destacar os avances acadados en igualdade e alertar ante ideoloxías que tentan retroceder nos dereitos das mulleres, porque debemos enfatizar nunha máxima clara “en igualdade, nin un paso atrás”, sinalou Morandeira.
“A igualdade non é só un principio, senón unha forma de convivir baseada no respecto, na empatía e na valoración do talento sen distinción de xénero”, argumentou a Deputada. Nesta liña, subliñou o papel do Emevé como referente para as novas xeracións, “cada partido serve para que as nenas vexan que tamén poden alcanzar calquera obxectivo e medrar libres, seguras e sen límites”, aseverou.
A xornada deportiva terá lugar este sábado 22 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Lugo, cun dobre encontro. O equipo feminino do Emevé xogará contra o CV Sayre Mayser Gran Canaria, ás 17:00 horas, mentres que a continuación o equipo masculino se enfrontará ao Club Voleibol Hungría.