Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente asina co Alcalde de Chantada a cesión da vía provincial que dá acceso ao núcleo de Quinteliña

Chantada
Con este acordo a Deputación transfire ao Concello chantadino a totalidade da LU-P-1808, a estrada provincial, de 375 metros de lonxitude, que vai desde a N-540 ata o lugar de Quinteliña, na parroquia de San Salvador de Asma

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co Alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, un acordo mediante o que a institución provincial cede a este Concello a totalidade da vía LU-P-1808. Trátase dunha estrada de 375 metros de lonxitude que conecta a N-540 co lugar da Quinteliña, na parroquia chantadina de San Salvador de Asma. 

Tomé Roca destacou que “hoxe damos o último paso para responder a unha petición do Concello de Chantada. Tras a súa aprobación na sesión plenaria e a correspondente ratificación da Xunta de Galicia, esta estrada, clasificada como solo urbano en medio rural, pasa a formar do patrimonio viario municipal de Chantada”. 

Así mesmo, recalcou tamén que “esta sinatura demostra que escoitamos as demandas dos municipios e que tratamos de colaborar activamente para mellorar os servizos e as infraestruturas que usan a diario os veciños e veciñas, sexan da cor política que sexan”. Nesta liña, recordou o mandatario provincial que este mesmo trámite “realizámolo tamén con Xove, para transferirlle ao Concello 10 estradas provinciais, que supoñen un total de 45 quilómetros e investir algo máis de 1,6 millóns de euros no arranxo de catro viais; e con Palas de Rei ao que lle cedemos un tramo urbano de 816 metros da LU-P-2901, a vía que une a N-547 coa rúa Agro do Rolo”.