Deputación de Lugo

A Deputación destina 22.000€ á Federación de Veciños LucusAugusti para impulsar proxectos de igualdade e dinamización do rural

JOSE TOMÉ
Federación de Asociacións de Veciños
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, vén de asinartresacordos co presidente do colectivo, Jesús Vázquez Varela, para executar os proxectos: Retos do Rural; Sementando Igualdade; e a Xornada de convivencia das parroquias do Miño

José Tomé subliñou que estas colaboracións “son parte da aposta da Deputación de apoiar o asociacionismo veciñal, promover a igualdade e dinamizar o rural”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación da Asociación de Veciños de Lugo LucusAugusti,Jesús Vázquez Varela, veñen de asinar tres acordos de colaboración a través do que a institución provincial destina á entidade veciñal un total de 22.000€ para impulsar proxectos que poñen en valor o rurale promoven a igualdade de oportunidades de xénero na provincia. José Tomé indicou que estas colaboracións “son parte da aposta da Deputación de apoiar o asociacionismo veciñal, promover a igualdade e dinamizar o rural”, subliñando a importancia de situar á cidadanía no centro das políticas públicas.


Unha destas colaboracións vai destinada a executar Sementando a Igualdade, un programa pioneiro na provincia de Lugo que impulsa a igualdade de xénero a través do comercio de proximidade. A institución provincial achegou ao colectivo 12.000€ para esta actuación, que tivo como obxectivos principais sensibilizar a comerciantes e a veciñanza, visibilizar o liderado feminino e fomentar o empoderamento das mulleres mediante redes de apoio e formación.


Para iso, levaron a cabo actividades como o diagnóstico e adhesión de comercios, a creación de materiais distintivos para negocios comprometidos coa igualdade, campañas de difusión, talleres para comerciantes e veciños, e actividades educativas para nenos e nenas centradas en respecto, cooperación e igualdade. Ademais, organizaron encontros de mulleres para intercambiar experiencias, fortalecer redes de apoio e capacitar en liderado comunitario, contribuíndo a un cambio cultural cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Por outra banda, a Deputación entrega 5.000€ á Federación para a celebración da Xornada Entre-Parroquias Ribeireñas do Rural do Concello de Lugo. Esta cita de convivencia reuniu no Veral a 300 persoas das 22 parroquias que pertencen ao val do Miño, co fin de contribuír a fomentar a convivencia rural, poñer en valor os produtos autóctonos e reforzar o tecido asociativo do concello. 

Os Retos do Rural Lucense

Tomé Roca e Jesús Vázquez asinaron ademais un terceiro acordo polo que a Deputación achegará outros 5.000€ á Asociación Veciñal Lugo en pé…na Defensa do Ruralpara desenvolver o programa Os Retos do Rural Lucense. Unha iniciativa para facer fronte aos desafíos que afecta o rural da provincia de Lugo, como o despoboamento, o envellecemento, a perda de servizos e a desvalorización do patrimonio. 


O proxecto combina acción comunitaria, formación, memoria e cultura, mediante xornadas participativas, mesas de debate, roteiros polo patrimonio, encontros interxeracionais, campañas de sensibilización e visitas a experiencias de revitalización rural noutras comunidades. Tamén aborda a prevención de incendios e a xestión sostible do monte, consolidando un modelo participativo e transformador que visibiliza o valor do rural lucense como un espazo vivo, sostible e orgulloso da súa identidade.


20.000 socios de case 300 asociacións veciñais da provincia

A Federación de AA.VV. de Lugo LucusAugusti agrupa a máis de 20.000 socios de case 300 asociacións de veciños de toda a provincia, sendo a máis importante de Galicia. Traballa para dar resposta aos problemas comúns das asociacións, mellorar a calidade de vida local e fomentar a participación e cohesión social tanto en zonas urbanas como rurais.


Entre os seus principais obxectivos están impulsar políticas públicas equilibradas, mellorar infraestruturas e conectividade, fomentar a economía e o emprego no rural, garantir servizos básicos e vivenda, e empoderar á veciñanza, promovendo unha percepción positiva e sostible do medio rural.