Carmela López participa en Celeiro na procesión marítima das Festas Patronais e do Mar
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este domingo en Celeiro na tradicional procesión marítima pola ría de Viveiro que se celebra cada ano no marco das Festas Patronais e do Mar de Celeiro, que arrancaron o pasado xoves. Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa.
Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.