A Deputación participa na entrega dos fondos dun programa turístico da Mancomunidade da Mariña á Fundación Eira da Xoana
“Desde a institución provincial decidimos colaborar con este proxecto porque encaixa á perfección co noso modelo de turismo. Un turismo de calidade, sostible e non masificado que respecte a contorna e que xere riqueza”, valorou o Deputado
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, participou este xoves na Ermida de Santo Estevo do Ermo de Barreiros no acto solidario no que a Mancomunidade de Concellos da Mariña fixo entrega de 1.129 euros á Fundación Eira da Xoana. Con esta doazón, que corresponde aos ingresos recadados co programa A Mariña. Plans con corazón 2025, a entidade beneficiaria poderá levar a cabo un proxecto de recuperación ambiental nunha parte da fraga de Santo Estevo do Ermo mediante a repoboación de especies autóctonas. Ademais, nestes terreos tamén existen restos arqueolóxicos en estudo.
A institución provincial apoiou este programa no que se incluíron 16 rutas e visitas guiadas deseñadas para dar a coñecer os recursos naturais, patrimoniais e culturais do xeodestino. Nese sentido, Carlos López destacou que “desde a Deputación decidimos colaborar con esta iniciativa porque encaixa á perfección co noso modelo de turismo. Un turismo de calidade, sostible e non masificado que respecte a contorna e que ademais, xere riqueza e novas oportunidades de emprego, sobre todo no rural”.
“Gustaríame poñer en valor, non só este proxecto, senón o traballo que realiza durante todo o ano a Mancomunidade promovendo numerosas propostas coma esta que permiten desestacionalizar o turismo, organizando propostas fóra da época estival; que poñen en valor o noso patrimonio e que contribúen a dinamizar a economía local”.
A este acto tamén asistiu a Presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López García, a Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas e representantes da Asociación Mariña Patrimonio e da Irmandade de Santo Estevo, entre outras autoridades.