A misión lucense afonda en Montevideo na cooperación en innovación, loxística e tecnoloxía e coñece de preto o modelo gandeiro uruguaio
O día completouse con encontros coa Cámara Uruguaia de Tecnoloxías da Información e coa Xunta Departamental de Montevideo, reforzando os lazos institucionais e abrindo novas vías de colaboración
As empresas lucenses do sector gandeiro e tecnolóxico visitaron explotacións uruguaias para coñecer de preto o funcionamento do sector e explorar a aplicación das súas solucións en eficiencia produtiva, calidade e benestar animal
A misión institucional e empresarial encabezada polo Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) desenvolveu unha nova xornada intensa en Montevideo, marcada pola colaboración institucional e o intercambio de coñecemento en innovación, tecnoloxía e produción agropecuaria.
A delegación, integrada tamén polo secretario xeral da CEL, Jaime López, o conselleiro delegado, Eduardo Valín, e representantes de empresas lucenses dos sectores agroalimentario, tecnolóxico, da enerxía e o turismo, mantivo encontros de alto nivel con organismos públicos e empresariais, como o Instituto Nacional de Loxística (INALOG), o colectivo Uruguay XXI, e a Cámara Uruguaia de Tecnoloxías da Información (CUTI), ademais de realizar visitas técnicas a explotacións gandeiras.
No Instituto Nacional de Loxística (pertencente ao Ministerio de Transporte e Obras Públicas), o Presidente José Tomé Roca foi recibido polo presidente, Jerónimo Reyes, e o xerente xeral, Emilio Rivero, nunha reunión centrada na modernización dos sistemas de transporte e exportación, así como na incorporación de tecnoloxías intelixentes á cadea loxística. Lugo foi presentada como unha provincia con empresas innovadoras e experiencia en xestión sostible, dispostas a abrir novas vías de colaboración e intercambio.
Posteriormente, a comitiva reuniuse co organismo público Uruguay XXI, encargado da promoción de investimentos e exportacións, onde os responsables destacaron o interese en establecer alianzas estratéxicas entre Galicia e O Uruguai, subliñando o “potencial común para cooperar en sectores de alto valor engadido como a enerxía, a tecnoloxía e a produción agroalimentaria”. Ademais, salientaron a estabilidade política e xurídica que ofrece o país, así como as vantaxes económico-financeiras que O Uruguai ofrece a aquelas empresas que deciden asentarse ou operar no país.
Tomé Roca salientou que “ a provincia de Lugo está demostrando que é capaz de competir e cooperar a nivel internacional, combinando tradición produtiva e innovación tecnolóxica”, engadindo que “as nosas empresas teñen moito que aportar nun modelo de desenvolvemento sostible e chegan a Montevideo cos deberes feitos, traen un estudo importante do que son, do que queren e cara onde querer ir. Un aspecto que non é menor porque facilita e fai que as operacións avancen dun xeito máis seguro e con certezas”.
Pola tarde, o mandatario provincial mantivo un encontro institucional co Presidente da Xunta Departamental de Montevideo, Gonzalo Sánchez, onde se abordaron cuestións de gobernanza local, cooperación institucional e políticas de desenvolvemento sostible. Ambos responsables coincidiron en reivindicar o papel dos gobernos locais como motores do progreso económico e social, e en seguir fortalecendo a irmandade histórica entre Galicia e O Uruguai.
En paralelo, representantes das empresas participaron nun encontro coa Cámara Uruguaia de Tecnoloxías da Información (CUTI) no parque tecnolóxico LATU, onde presentaron os seus proxectos de innovación aplicados á gandería de precisión e á dixitalización rural, abrindo camiños para futuras colaboracións con empresas e startups uruguaias.
Visitas a explotacións
Paralelamente á axenda institucional, estanse desenvolvendo visitas das empresas lucenses do sector gandeiro e tecnolóxico a distintas explotacións e granxas uruguaias, onde están coñecendo de primeira man o funcionamento do sector e avaliar a integración dos seus produtos e solucións desenvolvidas na provincia de Lugo. Estas tecnoloxías permiten mellorar a eficiencia produtiva, reducir custos e avanzar cara a un modelo máis rendible e respectuoso co medio e co benestar animal.
Os empresarios participantes destacan o gran interese pola innovación aplicada á produción animal, especialmente en ferramentas baseadas na monitorizar o estado, alimentación e rendemento do gando en tempo real, como é o caso de proxectos que desenvolven as empresas Innogando SL ou Medrar Smart Solutions.
Balance positivo
A xornada deixou un balance moi positivo, consolidando a presenza internacional das empresas lucenses e reforzando o liderado da Deputación de Lugo como ponte institucional e económica coa América Latina.
A misión iniciará a segunda fase do programa nas vindeiras horas, onde a delegación emprende camiños diferentes en A Arxentina, O Brasil, Paraguai e Chile, onde segundo sector, cada empresa establecerá novos contactos para seguir establecemento contactos que redunden en investimentos e acordos bilaterais que potencien o talento lucense no exterior.