A Deputación impulsa os VIII Premios Son Muller que distinguirán o talento e o emprendemento feminino da provincia
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou este martes na presentación do certame que organiza a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e para o que a institución provincial achega 3.500€
“Apoiando este tipo de iniciativas recoñecemos o esforzo das mulleres que lideran proxectos, que crean emprego e que son un auténtico exemplo para as novas xeracións” avanzou García Porto
Esta edición inclúe as categorías: Son emprendedora, Son empresaria e Son empresaria rural. As persoas interesadas en participar poden presentar as súas solicitudes ata o 28 de novembro en https://www.empresariaslugo.org/premios
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este martes no Salón de Actos do CEI Nodus de Lugo, na presentación da oitava edición dos Premios Son Muller que organiza a Asociación de Mulleres Empresarias de Provincia de Lugo (AELU). A institución provincial colabora con estes galardóns, que recoñecen o talento das mulleres empresarias e emprendedoras da provincia, realizando unha achega económica de 3.500€.
García Porto recalcou que “cremos firmemente que as mulleres xogan un papel fundamental no desenvolvemento económico e social da provincia. Apoiando este tipo de iniciativas recoñecemos o talento feminino e o esforzo das mulleres que lideran proxectos, que crean emprego e que son un auténtico exemplo para as novas xeracións”.
Recoñeceu tamén “non só esta iniciativa que presentamos hoxe, senón tamén o conxunto de proxectos que AELU desenvolve ao longo do ano” e puxo de exemplo o programa GALATEA “unha iniciativa que tamén apoiamos desde a Deputación e que ofrece formación e asesoramento para que as participantes poidan adquirir novos coñecementos e habilidades relacionadas co seu desenvolvemento profesional”.
Nesa liña, aproveitou a Deputada Provincial para destacar algúns proxectos e accións propias que realiza a institución provincial “como o programa que estamos preparando para conmemorar o 25N e que incluirá charlas, espazos de reflexión e monólogos nunha nova de Xornada de Querémonos Vivas, Libres e Iguais”.
“Porque cremos que o primeiro paso para transformar as estruturas que perpetúan o machismo e a desigualdade é levantar a voz contra a violencia. As mulleres non temos por que vivir con medo, sufrimento ou opresión” rematou.
Ao acto de presentación tamén asistiu a Presidenta de AELU, Anjhara Gómez Rodríguez, o Concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, a Concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, e a Directora Territorial de ABANCA Lugo, Zaira Dapena, entre outras autoridades.
Recoñecementos ao emprendemento feminino
Esta oitava edición premiará proxectos femininos en tres categorías: Son empresaria rural; Son empresaria e Son emprendedora e haberá galardóns de 1.000€, 300€ e 200€. As persoas interesadas en participar poden consultar as bases e descargar o formulario de inscrición en https://www.empresariaslugo.org/premios.
A gala de entrega dos premios Son Muller terá lugar o vindeiro 12 de decembro ás 20:00 horas no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.