Deputación de Lugo

A Deputación achegará máis de 215.000€ á terceira fase de mellora do Pazo de Feiras de Lugo

pazo de feiras
O padroado do recinto de feiras e exposicións acordou este venres unha nova rolda de investimento para continuar mellorando e modernizando as instalacións. Deputación, Xunta e Concello aportarán 1,58 millóns de euros

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou hoxe venres nunha reunión extraordinaria do Padroado de Feiras e Exposicións de Lugo na que se aprobou a licitación da terceira fase das obras de mellora do recinto feiral. Tal e como informou o responsable provincial, a Deputación de Lugo achegará neste caso 215.422,83 euros, o 35% do investimento total necesario.

Esta nova fase permitirá actuar sobre a cuberta do pavillón 2 –un dos espazos centrais do recinto feiral cunha superficie de 3.600 metros cadrados-, con 376.969,98 euros, e incorporar melloras de eficiencia enerxética por importe de 233.834,62 euros. Estas últimas inclúen actuacións nos sistemas de climatización, control solar e cortinas do salón de actos. O orzamento contempla ademais 4.689,19 euros para seguridade, saúde e xestión de residuos.

A intervención forma parte dun plan de modernización das instalacións que se está a desenvolver por fases, coa colaboración da institución provincial, a Xunta de Galicia e o Concello de Lugo. O obxectivo é mellorar o estado, a funcionalidade e a eficiencia enerxética deste equipamento. O investimento conxunto nesta terceira fase ascenderá a 1,58 millóns de euros.

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo é unha infraestrutura estratéxica para a actividade económica, comercial, deportiva e cultural da provincia, cunha programación que se estende ao longo de practicamente todo o ano. O recinto rexistra entre 347 e 353 días de ocupación anual, o que dá conta da súa capacidade para acoller feiras, exposicións, congresos, competicións deportivas e grandes eventos.

Durante a primeira fase, desenvolvida no 2025, e cun investimento de 255.000 euros por parte da Deputación, reparouse o lucernario central –co seu selado para evitar filtracións, mellora dos revestimentos interiores e láminas de control solar-, melloráronse os baños e reforzouse a protección contra os incendios. E a segunda, que se está a desenvolver neste momento e que conta con máis de 700.000 euros de aportación da institución provincial, permite mellorar a fachada e as cubertas de acceso aos pavillóns.