Deputación de Lugo

A Deputación destina preto de 380.000€ para proxectos en Viveiro, Ribeira de Piquín e Muras que fortalecen o tecido asociativo e o desenvolvemento local

Xunta de Goberno
Pilar García Porto

A Xunta de Goberno deu luz verde este venres a tres convenios de colaboración para apoiar o Belén a tamaño real, en Viveiro; mellorar o edificio da Casa Consistorial e a Escola Vella, en Ribeira de Piquín; e apoiar a conmemoración do 25 aniversario da Asociación Atila, en Muras

Adxudicadas por algo máis de 820.000€ obras para acondicionar catro vías que vertebran os concellos de Chantada, Carballedo, A Pontenova, Trabada e O Vicedo
 

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres tres novos convenios de colaboración cos Concellos de Viveiro e o de Ribeira de Piquín e outro coa Asociación Atila por un importe conxunto de case 380.000€. Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a reunión celebrada esta mañá. 

García Porto detallou que a reunión deu luz verde a un acordo de case 82.000€ co Concello de Viveiro para apoiar un ano máis o Belén a tamaño real, Viveiro ante o berce. Avanzou que o mandatario provincial “anunciou hai unhas semanas este apoio grazas ás xestións realizadas pola asesora de Presidencia María Loureiro”. Así, a Deputación mantén a colaboración con esta infraestrutura, “que supón un importante motor económico para este municipio mariñán e para a súa contorna”. 

“Nese sentido, quero deixar claro que o noso compromiso con Viveiro segue intacto, a pesar das declaracións que realizou a propia Alcaldesa. A realidade é que este proxecto segue adiante e o noso obxectivo é continuar apoiándoo, lonxe de calquera controversia política”, recalcou.

Recordou tamén que este Belén está formado por un centenar de imaxes a tamaño real e “destaca pola súa gran magnitude e singularidade”. Instalado no casco histórico do municipio, na contorna da Igrexa de Santa María, recibe cada ano máis de 25.000 visitantes, o que o converte nun dos principais atractivos turísticos do Nadal en toda Galicia.

En canto ao convenio co Concello de Ribeira de Piquín, a Voceira sinalou que “se trata dun importe conxunto de case 267.000€, dos cales a Deputación achega 250.000€ e o Concello case 17.000€”.

Con este investimento acometeranse melloras no edificio da Casa Consistorial e na Escola Vella “a infraestrutura que o concello está a acondicionar para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas”. Avanzou que debido ás inclemencias meteorolóxicas ambas construcións atópanse deterioradas, ademais de que tamén é necesario adaptalas a persoas con mobilidade reducida “o que favorecerá a accesibilidade de todos os veciños e veciñas”. 

Por unha banda, 180.000€ irán destinados á rehabilitación da Casa Consistorial co fin de: mellorar a eficiencia enerxética do edificio; modificar a distribución das plantas para adaptalas ás necesidades do persoal municipal; construír un ascensor e un aseo para as persoas con dificultades de mobilidade e renovar a instalación de climatización, entre outros traballos.

Os case 65.000€ restantes do acordo van destinados a continuar rehabilitando o edificio da Escola Vella, un proxecto impulsado polo Concello de Ribeira de Piquín co fin de ampliar o uso social e veciñal deste inmoble. Nesta liña, recordou a Voceira que “o Concello xa levou a cabo diversas melloras no exterior do edificio, unha actuación para a que a Deputación achegou 83.000 euros”.

Con este novo investimento acometeranse traballos no interior, entre os que se inclúen: a mellora da accesibilidade, a instalación de sistemas de iluminación, electricidade e fontanaría, así como a dotación de novo mobiliario e outros elementos necesarios para a súa posta en funcionamento.

“Estas actuacións harmonizarán o entorno, mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas do municipio e fortalecerán a actividade social, cultural e administrativa, garantindo que os espazos sexan accesibles, seguros e adaptados ás necesidades da comunidade”.

Asociación Atila de Muras


Por último en materia de convenios “aprobamos un acordo de case 30.000€ coa Asociación Atila, do Concello de Muras, para colaborar coa conmemoración do 25 aniversario desta entidade”.

No evento inclúese unha ruta a cabalo na zona do Xistral, unha homenaxe aos socios e directivos da entidade, un xantar, actuacións musicais e un campamento hípico de Nadal para nenos, entre outras propostas. 

García Porto resaltou que “colaborar co tecido asociativo é fundamental para o desenvolvemento social e cultural da nosa provincia. A través de investimentos coma este fomentamos a socialización entre veciños e veciñas e dinamizamos o rural”. 

Máis de 820.000€ para 4 vías provinciais


No que ten que ver coa mobilidade da provincia, a institución provincial aprobou un  importe conxunto de algo máis de 820.000€ para acondicionar catro estradas que vertebran os Concellos de Chantada, Carballedo, A Pontenova, Trabada e O Vicedo.

Entre Chantada e Carballedo adxudicouse por case 315.000€ á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU os traballos de mellora do firme  na  LU-P-1801, que é a vía que comunica Chantada e Os Peares por Nogueira. Concretamente, con cargo a este investimento, a Deputación acondicionará un treito de 23 quilómetros da estrada, desde o punto quilométrico 6 ao 29. Os traballos, cun prazo de execución de 3 meses, consistirán na reapertura de cunetas e no acondicionamento do firme.

Entre A Pontenova e Trabada adxudicouse por máis de 187.000€ á empresa Cholo SL o arranxo dun tramo de 4 quilómetros da LU-P-6102, que é a vía que conecta Pontepedrido e Trabada pola parroquia de Vilaformán. As obras que se van realizar nos primeiros catro quilómetros consistirán na reapertura de cunetas, na repavimentación e no pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución destes traballos é de 3 meses.

Por último, no Vicedo adxudicouse por preto de 330.000€ a Carferlo SL o acondicionamento de dous tramos de dúas estradas provinciais: a LU-P-6401, de Suegos a Folcoeira no límite provincial; e a LU-P-6402, que conecta O Vicedo con Cristo de Portapena. “Con esta actuación melloraremos tamén un ramal de algo máis de quilómetro e medio que conecta ambas estradas á altura de Negradas. As obras consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. E o prazo de execución será de 3 meses desde o inicio dos traballos”, rematou.