Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

As axudas para a recría de Raza Rubia Galega da Vicepresidencia da Deputación chegarán a 279 ganderías da provincia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RURAL
raza rubia galega
RECRÍA
O programa Marela! distribúe  232.000 euros entre as granxas beneficiarias, que se concentran nas comarcas de Sarria, Ancares e Lugo

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven de facer pública a resolución provisional da convocatoria de axudas do programa Marela!, enfocado no apoio á recría de xatas de Raza Rubia Galega nas granxas de nacemento.

Segundo se detalla na resolución, 279 ganderías da provincia -trinta máis que na pasada edición - beneficiaranse das achegas, que suman un total de 232.000 euros -40.000 euros máis que na pasada edición-

A maioría das granxas beneficiarias das axudas concéntranse nas comarcas de Sarria -especialmente nos concellos de Láncara, Paradela e Triacastela –, dos Ancares -especialmente nos concellos de Baralla, Cervantes, Pedrafita e As Nogais– ,  de Lugo – especialmente nos concellos de O Corgo, Friol, Lugo e Castroverde – e nos concellos de A Fonsagrada e Vilalba,  en consonancia coa distribución da cabana desta gandería na provincia.

O deputado de Rural Daniel García destacou que “ o número de granxas beneficiarias se incrementou  grazas ao reforzo orzamentario do programa, que planificamos como un apoio  á recría e á gandería de vacún de carne, un sector fundamental para a provincia polo seu impacto económico pero tamén social e medioambiental, xa que falamos sobre todo de granxas de pastoreo ubicadas, na súa maioría, en concellos de montaña onde esta gandería é a mellor alternativa para o aproveitamento do territorio”

As axudas por gandería oscilan entre os 400 e os 2.400 euros, en función do número de xatas reprodutoras - cun parto antes dos 36 meses – que se crían na granxa, ata un máximo de seis animais por granxa. En total, son 580 animais os que reciben as subvencións.

A resolución  pode consultarse na web da Deputación de Lugo, no apartado de Subvencións de Concorrencia Competitiva da área de Medio Rural e do Mar e no Boletin Oficial da Provincia de Lugo do 17 de outubro. As ganderías solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles  para presentaren alegacións á resolucíon.