O Presidente clausura en San Marcos unha xornada da Deputación sobre o papel das mulleres no rural
“Facémolo desde Lugo, unha provincia que produce o 20% do leite de España, pero que tamén produce ideas, innovación e futuro”, argumentou o mandatario provincial, para quen nese contexto as mulleres son “o motor que mantén vivo o territorio”
O programa, que se desenvolveu durante toda a mañá no Salón de Actos da sede provincial, contou coa participación da presidenta da Federación de Mulleres Rurais, a directora da Escola Politécnica e representantes do tecido empresarial feminino
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, clausurou este venres no Pazo de San Marcos a xornada Mulleres sementando futuro. Un encontro, de entrada libre e gratuíta, organizado pola institución provincial e que se enmarca no proxecto Agrosocial, unha iniciativa europea que conta con 1,9M€ e que ten por obxectivo unir a Galicia e Portugal no propósito de “facer do sector agroalimentario unha panca de desenvolvemento económico, social e tecnolóxico”.
“Facémolo desde Lugo, unha provincia que produce o 20% do leite de España, pero que tamén produce algo máis importante: ideas, innovación e futuro”, valorou o mandatario provincial, quen engadiu que nese contexto as mulleres son “imprescindibles, o motor que mantén vivo o territorio”.
Sinalou que “non hai equilibrio territorial sen un rural forte, sen mulleres con voz e con oportunidades” e destacou que desde a Deputación “defendemos un modelo de desenvolvemento que combine o saber de sempre coa tecnoloxía do presente. Que una cooperación, investigación e emprendemento; e que transforme a nosa tradición agrogandeira nunha vantaxe competitiva”. “Non se trata só de conservar o que temos, senón de mellorar, modernizar e facer deste sector un motor de vida e de futuro”.
O programa Mulleres sementando futuro desenvolveuse ao longo de toda a mañá no Salón de Actos da sede provincial e contou tamén coa participación do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, que foi o encargado de dar a benvida á xornada a unha trintena de mulleres relacionadas cos sectores agrícola e gandeira; e da a xefa de servizo da área de Economía e Emprego, Julia Vázquez Silvarrey.
Vertebrou esta cita un foro sobre as voces femininas no agro e un taller sobre o acceso á financiación, conciliación, a participación e o liderado nas cooperativas, tecnoloxía e comercialización con perspectiva social. A mesa redonda contou con voces expertas como a presidenta da Federación de Mulleres Rurais, Verónica Marcos Arrojo; a Directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo, Rosa Romero Franco; a responsable da cooperativa Milhilloa, Carmen Valiño Vázquez; e a de Mel Toxalriba de Navia de Suarna, Cristina Álvarez Carro.