Deputación de Lugo

A Deputación aproba investimentos por 1M€ para mellorar infraestruturas e servizos en 5 concellos

Pilar Garcia Porto
infraestruturas
servizos públicos
Concellos
Licitadas en Xunta de Goberno por máis de 240.000€ as obras de acondicionamento dos 3 primeiros quilómetros da LU-P-2902, entre Lugo e Ponte de Ombreiro; e por máis de 180.000€ os últimos 9 quilómetros da LU-P-1107 entre Castro e Outeiro de Rei

Aprobados dous convenios de colaboración: un con Cervantes por 250.000€ para financiar 9 actuacións de mellora de camiños, dotacións e subministracións; e outro con Barreiros por 240.000€ para a renovación da EDAR e conseguir material ortopédico

A institución provincial iniciou a contratación por preto de 800.000€ do servizo que mantén e dá soporte a infraestrutura sobre as que se apoian os diferentes sistemas informáticos e de telecomunicacións da Deputación de Lugo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos por 1M€ para mellorar infraestruturas e servizos en 5 concellos da provincia. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal celebrada no Pazo de San Marcos. “Un orzamento co que sacaremos adiante, por unha banda, a mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso por Lugo, Outeiro de Rei e Castro de Rei; e a subministración de equipos, dotacións, infraestruturas e servizos básicos nos concellos de Cervantes e Barreiros”.

Empezando pola mobilidade, García Porto sinalou que cada semana o Goberno provincial aproba destinar importantes fondos a mellorar a rede de estradas do territorio porque é un investimento “que redunda na cohesión e no equilibrio territorial, mellora as comunicacións da provincia e tradúcese nunha mellor calidade de vida da veciñanza”. 

Nese sentido, informou que a Xunta de Goberno aprobou hoxe mobilizar preto de medio millón de euros máis a dous novos proxectos que se enmarcan no Plan de Estradas provinciais 2025.

O primeiro para mellorar en Lugo os tres primeiros quilómetros da LU-P-2902, entre a capital e Ponte de Ombreiro. “Unha estrada importante porque une a vía de Marqués de Ombreiro, na zona das Saamasas, con Ombreiro e dá servizo directo aos máis de 300 veciños e veciñas que viven nesta parroquia luguesa”.As obras, que se licitan por 241.724,4€, afectarán ao tramo comprendido entre o inicio da vía e a potabilizadora de augas, do punto quilométrico 0 ao 2,58 e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

Entre Castro de Rei e Outeiro de Rei acondicionaremos tamén preto de 9 quilómetros da LU-P-1107, a vía provincial que vai de Castro a Rábade. “Trátase doutra vía de gran importancia para a nosa provincia, porque dá acceso a servizos tan importantes como a Casa das Insuas”, valorou a Deputada. Neste caso os traballos contarán cun investimento de 182.198,07€ e afectarán ao treito comprendido entre Castro, á altura da parroquia de San Xiao de Mos –punto quilométrico 4,3- e a Fonte da Pinguela, ás portas do concello de Rábade, no quilómetro 13,22.As obras consistirán tamén na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización horizontal.

Convenios de colaboración con Cervantes e Barreiros

No que ten que ver coa Cooperación cos Concellos, anunciou tamén Pilar García Porto que a Xunta de Goberno aprobou dous convenios de colaboración: un co concello de Cervantes e outro co de Barreiros. “Demostramos semana a semana que ser o Concello dos concellos é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Fixádevos que con estes dous convenios que sacamos hoxe adiante imos mellorar o servizo que prestan estes dous Concellos a máis de 4.200 persoas”. 

Comezando na Montaña, a Deputación investirá en Cervantesalgo máis de 250.000€ para levar a cabo un total de 9 actuacións:

•    Adquirir un grupo electróxeno con remolque. “Unha subministración que dará servizo nos eventos que non se celebren no polideportivo municipal e tamén nas obras, reparacións de camiños ou servizos municipais. Evitando ademais gastar os cartos no seu alugueiro”, explicou a Deputada.
•    Instalar unha cuberta no merendeiro de San Román, que protexerá as mesas e a churrasqueira deste espazo. “Esta actuación aumentará as prestacións deste espazo público, dando sombra no verán e protexéndoo da chuvia e a neve”.
•    Colocación de varandas, biondas e malla nos núcleos de Noceda, Santalla, A Lama, Casas do Río, Ponte de Cubelas e Villaver. “O que aportará seguridade a todos estes lugares que conservan un importante número de veciños”.
•    Seis acondicionamentos de camiños e vías. Concretamente:
o    Na parroquia de Donís, este investimento servirá para mellorar os accesos a Robledo e os camiños en Vilar de Donís.
o    No Cereixido, para executar uns pequenos muros no desnivel do camiño da Freita para dar estabilidade e evitar desprendementos.
o    En Cancelada, acondicionar o acceso a Santo Tomé, co acondicionamento do firme e a instalación de reixas.
o    En Mosteiro, actuar no acceso a Queirugal.
o    En Ribera,no de San Martín.
o    E en Quindous, no de Sevane.
o    Ademais, entre as parroquias de Dorna e Quindous melloraremos a estrada que vai de Folgueiroa por Savane. 

Na Mariña, a Deputación de Lugo achegará a Barreiros 230.000€ para acadar un orzamento de 237.135,91€ que contempla tres actuacións:

•    Amellora das infraestruturas de abastecemento. Explicou García Porto que “este verán volveron darse situacións de falta de subministración no barrio de Merille, en San Cosme, e no barrio da Ínsua, en San Xulián de Cabarcos”. E que para solucionar este problema axudarán a financiar a execución dunha nova rede de distribución de auga en Merille, o que permitirá eliminar a conexión entre ambos barrios e así, a Ínsua recibirá un maior caudal de auga, dando solución ó problema en ambos núcleos.

•    Modernizar a EDAR. O investimento da Deputación financiará cinco traballos encamiñados á modernización, reparación e dixitalización que inclúen a substitución de equipos, instalación de elementos auxiliares e integración no sistema de xestión municipal. “Estas dúas primeiras actuacións teñen que ver coa situación que aparellou para este concello o desenvolvemento dun urbanismo descontrolado, autorizando a execución de vivendas sen garantir a dotación dos servizos básicos necesarios”, valorou.

•    A terceira actuación ten que ver coa crecente demanda dos servizos sociais por parte dunha poboación cada vez máis envellecida e dependente –no caso de Barreiros, o 34% da poboación ten máis de 65 anos- e consistirá na dotación de material ortopédico. “Un material que servirá para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que en Barreiros dá servizo a preto de 70 fogares, e o servizo de préstamo que presta o Concello”, explicou.

Infraestrutura do sistema informático e as telecomunicacións da Deputación

A Xunta de Goberno licitou ademais por 789.525€ a contratación dos servizos para o mantemento e adaptación ao Esquema Nacional de Seguridade dos centros de proceso de datos da Deputación de Lugo. “Trátase dun servizo de moitísima importancia para a provincia, porque é o que mantén e dá soporte á infraestrutura sobre as que se apoian os diferentes sistemas informáticos e de telecomunicacións da Deputación de Lugo. O que permitirá optimizar e actualizar os sistemas existentes”, valorou a Deputada.

O contrato terá unha duración de tres anos sen posibilidade de prórroga, “e impactará directamente na modernización da administración provincial, no reforzo da seguridade e na protección de datos, o que se traducirá tamén nunha optimización dos recursos públicos”. Explicou que no cidadán “suporá que lle poderemos ofrecer servizos públicos máis fiables e accesibles, maior seguridade e confianza na súa percepción dunha Administración máis próxima e eficiente”.

Maquinaria do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro

A Deputación aprobou tamén un investimento de 380.490€ para adquirir maquinaria para os servizos do Parque Móbil e a Granxa Gayoso Castro da Deputación. Para o Parque Móbil a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de tres máquinas, dúas retrocargadoras novas por 266.200€, cun prazo de entrega de 40 días; e tamén unha compactadoratandem usada por 64.130€ e un prazo de entrega de 30 días.

“Son tres máquinas que son fundamentais para o servizo que presta o Parque Móbil nas estradas da provincia. A retrocargadora úsase para mover e escavar os materiais e a compactadora para apertar e consolidar eses materiais”, explicou a Deputada.

Na Granxa Gayoso Castro quedou licitado o servizo de ensilado de herba por algo máis de 50.000€ (50.160€). Este é un servizo esencial para garantir unha alimentación adecuada do gando, especialmente durante o inverno, cando o pasto natural é limitado.

20 prazas de Administrativo e Traballador Social

A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria e as bases específicas para o ingreso como persoal funcionario da deputación en 14 prazas de administrativo e 6 prazas de traballador social.No que ten que ver coas prazas de Administrativo a convocatoria será libre polo sistema de oposición e no que ten que ver coas de Traballador ou Traballadora social, polo sistema de concurso-oposición. E en ambos procesos haberá unha praza da cota de reserva a persoas con discapacidade.