O Presidente e o Tenente de Alcaldesa de Alfoz acordan investir 250.000€ na mellora da mobilidade no rural do municipio
Tomé Roca: “Somos o Concello dos concellos,esa é a idea vertebradora de toda a nosa acción de Goberno. Demostrámolo con feitos como este acordo, que permitirá que Alfoz mellore significativamente a conectividade nas parroquias deste municipio”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Tenente de Alcaldesa de Alfoz, Cándido Paleo Rejes, veñen de formalizar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial financiará con 250.000€ 18 actuacións na rede viaria deste concello. No acto da sinatura, que se celebrou na Sala de Xuntas, estivo tamén presente a Rexedora alfocense, Efigenia Maseda Paz.
“Somos o Concello dos concellos, esa é a idea que vertebra toda a nosa acción de Goberno. Demostrámolo con feitos como este acordo, que permitirá que Alfoz mellore significativamente a conectividade en 8 das 9 parroquias deste municipio”, valorou o Presidente. Este convenio servirá para o arranxo dun total de 11,2 quilómetros de estradas neste concello da Mariña.
Concretamente e mediante este acordo, Alfoz poderá mellorar:
• Na parroquia de Carballido, 749 metros no entorno do circuíto de motocrós; o acceso ao lugar da Agüeira (510 metros); e a comunicación coa parroquia de Adelán mediante o arranxo de 1,16 quilómetros de vía.
• Nesa parroquia de Adelán actuarase en 2,13 km do camiño das Anduriñas.
• Entre a parroquia Mor e Reirado, mellorarase o camiño que vai desde a estrada provincial LU-P-0207 ao Liñar (477 metros); e tamén un camiño no Penido.
• Na parroquia de Bacoi acondicionaranse 331 metros dun camiño no Gorvidal.
• Na de Lagoa, un en Lavanco (477 metros) e outro en Lameiro (134 metros).
• Na parroquia das Oiras melloraranse 264 metros en Insua Nova e outros 250 metros doutro camiño na Trabada.
• E finalmente, no Pereiro levaranse a cabo 6 actuacións para acondicionar un camiño no Rubeiro (187 metros); outro na Pesquita (648 metros); o que vai desde a LU-P-6306 a Faián (975 metros); e a Ferradás (636 metros); outro no Celeirote (487) e o último en Celeiro Vello (765 metros).
Os traballos consistirán na limpeza das cunetas e a mellora do firme. Nalgúns casos abrirase a caixa da estrada, naquelas vías con maior desgaste; noutros casos acometerase un rasanteo e compactado con base de zahorra; ou bacheo, segundo as necesidades de cada treito.
Explicou o Presidente que a maquinaria agrícola, as condicións climáticas e o paso do tempo “desgasta as vías no rural da provincia e moitas veces os concellos pequenos non contan co orzamento suficiente para poder acometer estas actuacións. Por iso é importante esta colaboración, máis alá do económico, para mellorar a vida dos veciños e veciñas deste concello”.