A Deputación reforza a irmandade coa comunidade galega en Cataluña no San Froilán de Nou Barris

O San Froilán de Barcelona viviu este sábado a súa xornada central na Praza Maior de Nou Barris, coa presenza da Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, quen interveu diante de centos de galegos e galegas que residen en Cataluña e que, cada ano, manteñen vivas as tradicións de Lugo en Barcelona.
No seu discurso, a Deputada subliñou que “é a primeira vez que comparto esta festa en Barcelona” e amosouse encantada de vivir esta emoción tan galega en Cataluña, “onde semella que seguimos na provincia de Lugo”. Lembrou que a Deputación de Lugo mantén o seu compromiso con todos os galegos e galegas no exterior, acompañando e apoiando as iniciativas “que manteñen vivas as nosas tradicións e identidade fóra da terra”.
Ao longo da xornada celebráronse actuacións de entidades culturais, conferencias, música tradicional e verbena á noitiña.