Deputación de Lugo

O Presidente entrega os VI Premios á Excelencia Turística a seis iniciativas “que proxectan a nosa identidade ao mundo”

José Tomé Roca
turismo
Gala Premios Turismo

José Tomé Roca presidiu o acto que distinguiu á Festa da Queima das fachas de Taboada, a Foliada da Fonsagrada, o programa Descubrir Quiroga, a Feira do Queixo do Cebreiro, a Feira da Tenreira de Láncara e Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña 

“No Día Mundial do Turismo, rendemos homenaxe ao compromiso, á creatividade e ao amor pola provincia de Lugo. Xente que cre na súa terra e que entende o turismo como unha ferramenta para xerar riqueza e dinamizar o rural”, manifestou Tomé Roca

O Pazo de San Marcos acolleu este sábado unha gala que contou coa música en directo de Iria de Cabo e Raquel López e que estivo aberta á cidadanía da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, presidiu este sábado, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega dos sextos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. Unha edición na que destacaron, en palabras do mandatario provincial, as iniciativas “que proxectan a nosa identidade ao mundo”. O mandatario provincial e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foron os encargados de entregar os recoñecementos aos representantes das diferentes propostas. 

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibiu o accésit nesa categoría.

“Hoxe, máis que entregar uns galardóns, rendemos homenaxe ao compromiso, á creatividade e ao amor pola provincia de Lugo. Cada proxecto que recoñecemos fala de xente que cre na súa terra, que entende o turismo como unha ferramenta para xerar riqueza, para dinamizar o rural, para coidar o noso patrimonio e para proxectar a nosa identidade ao mundo”, destacou Tomé Roca.

O acto, celebrado no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, foi presentado polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e amenizado coa música en directo da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e a baixista e a cantante Raquel López. Foi retransmitido en directo na canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. As entidades premiadas recibiron, como todos os anos, un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo. 

Propostas que unen tradición e innovación

 

Vicente Parra Vizcaíno, tenente de Alcalde do Concello de Quiroga, recolleu o premio a Descubrir Quiroga, “un programa que convida –en palabras do Presidente- a coñecer a fondo a riqueza natural, cultural e enoturística deste recuncho da Ribeira Sacra”.

Manuel Fidalgo Gayoso, Presidente da Asociación Cultural As Fachas, e Roi Rigueira Agromartín, Alcalde de Taboada, recolleron a distinción pola Queima das Fachas. “Unha tradición ancestral que ilumina as noites de Taboada, símbolo da nosa memoria colectiva e da forza das nosas festas populares”, valorou Tomé Roca.

Jorge López Vázquez, membro da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo, e Carlos López López, Alcalde da Fonsagrada e Deputado provincial recibiron o recoñecemento á Foliada da Fonsagrada, “unha cita obrigada para quen quere vivir a verdadeira esencia da montaña lucense a través da música e o baile”.

José Luis Raposo Magdalena, Alcalde de Pedrafita, recibiu a distinción pola Feira do Queixo do Cebreiro. O Presidente destacou unha iniciativa “onde o noso produto máis emblemático é protagonista, levando o nome do Cebreiro a milleiros de mesas”.

Pablo Rivera Capón, Alcalde substituto de Láncara e Deputado provincial, recolleu o recoñecemento á Feira Degustación da Tenreira de Láncara “que pon en valor a nosa carne de calidade, orgullo dun sector gandeiro que mantén vivo ao noso rural”.

Rocío López García, presidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña e Alcaldesa de Lourenzá, recolleu o premio da iniciativa Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense. “Un exemplo de como se pode promover o turismo co máximo respecto polo medio ambiente e polos recursos naturais”.

Jacobo Lorenzo Gay, xerente do Hotel Mogay, recibiu o accésit de Turismo Sostible, “pola súa aposta por un turismo responsable e de proximidade que dinamiza a economía”.