Barreiros dará a saída ás XIII Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics co apoio da Deputación

A tamén Presidenta da Fundación Eu Son recalcou que a institución provincial “mantén unha estreita colaboración con este colectivo realizando unha achega económica de 8.000€ porque impulsan o deporte como unha ferramenta de inclusión e promoven a igualdade de oportunidades”
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este martes na Casa Consistorial do Concello de Barreiros na presentación da décimo terceira edición das Marchas Ciclistas Unificadas que organiza Special Olympics Galicia. Esta cita deportiva terá lugar do 2 ao 5 de outubro e percorrerá os municipios de Barreiros, Pereiro de Aguiar, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.
A tamén Presidenta da Fundación Eu Son recordou que a institución provincial “mantén unha estreita colaboración con este colectivo realizando unha achega económica de 8.000€, porque impulsan o deporte como unha ferramenta de inclusión, promoven a igualdade de oportunidades e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade”.
Na presentación deste acto, ao que tamén asistiu o presidente desta entidade, Eladio Fernández Pérez e a Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas, entre outras autoridades; López Moreno agradeceu o esforzo de Special Olympics e a todas as persoas que colaboran na organización desta cita e fixo unha mención especial “aos deportistas que son unha verdadeira inspiración. Nós cremos nunha sociedade máis igualitaria e cremos tamén que o deporte é un camiño marabilloso para conseguilo”.
A décimo terceira edición das Marchas Ciclistas Unificadas iniciarase o próximo 2 de outubro desde o pavillón municipal de Barreiros; o día 3 percorrerá o concello ourensán de Pereiro de Aguiar partindo desde a instalación deportiva municipal; o día 4 a proba iniciarase desde a Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e, por último, a cita deportiva rematará o día 5 na Praza da II República de Vilagarcía de Arousa.