Deputación de Lugo

A Deputación destina 220.000€ ao Concello de Samos para mellorar estradas e infraestruturas municipais

José Tomé Roca
Samos
Sinatura convenio Samos
O Presidente e a Alcaldesa deste municipio asinaron un convenio que permitirá á entidade local executar 14 actuacións en 7 parroquias destinadas a mellorar vías municipais e dotacións básicas

José Tomé destacou que esta colaboración é moi importante para os veciños e veciñas de Samos, “xa que grazas a este acordo actuarase en case un terzo das parroquias deste municipio beneficiando directamente a máis de 200 persoas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Samos, Chus López, asinaron no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración a través do cal a institución provincial achegará á entidade local 220.000€ para realizar 14 actuacións que afectarán a 7 parroquias do municipio e que estarán destinadas a mellorar estradas municipais e dotacións básicas. 

José Tomé destacou que esta colaboración é moi importante para os veciños e veciñas de Samos, “xa que grazas a este acordo actuarase en case un terzo das parroquias deste municipio beneficiando directamente a máis de 200 persoas”. Destacou o mandatario provincial que “unha boa mobilidade entre parroquias é fundamental porque facilita o acceso a servizos básicos e favorece o equilibrio territorial e o desenvolvemento económico do municipio”. 

Enmarcou o Presidente esta colaboración na cooperación cos Concellos, que segundo explicou “aplicamos de forma transversal en todas as nosas políticas de acción, e a través de diferentes proxectos e iniciativas, como o Plan Deputación, a través do que que a institución provincial proporciona achegas ás entidades locais que lles permiten realizar obras, mellorar infraestruturas ou cubrir gastos de eventos que favorezan ao desenvolvemento social, económico e cultural”. 

Acondicionamento de varias estradas en seis parroquias


A maioría das accións que se levarán a cabo con este investimento da Deputación servirán para que o Concello de Samos mellore o firme de varias estradas locais en 6 parroquias rurais. Deste xeito, grazas aos fondos da Deputación, o Concello mellorará na parroquia de San Xoán Xosé de Santalla o firme do acceso ao núccleo de Gamiz, a conexión desde o núcleo de Furela con Estraxiz e varios tramos da vía que vai a Santalla de Arriba. Tamén, en Santiago de Zoó, rehabilitará o acceso a Zoó e a estrada que o une a Montán. Ademais, na parroquia de San Martiño de Lousada, actuarase na estrada que une Lousada co Franco; en Pascais na vía que vai a Gontán: e na parroquia de San Xoán de Loúzara a entidade local acondicionará grazas a institución provincial o firme do núcleo de Bustofrío, Praducelo, Vila do Castro e Parada de Lóuzara. 

Mellora de infraestruturas


A maiores con cargo a este investimento provincial, o Concello de Samos poderá acometer a renovación doutras infraestruturas do municipio como a substitución das varandas existentes na Ponte de Lóuzara, situada no lugar da Ponte, por outras de madeira; mellorar o bebedoiro público para os animais no lugar de Vila do Castro; e en Formigueiros rehabilitará o depósito da auga, o que permitirá evitar perdas e garantir un subministro eficiente ós máis de 30 veciños e veciñas desta parroquia.