A Deputación renova o silo de almacenamento de fundentes ao seu paso por Navia de Suarna para garantir a vialidade invernal

A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos para a renovación do silo de almacenamento de fundentes que está situado no punto quilométrico 1,40 da estrada provincial LU-P-3501 que comunica Navia de Suarna co Alto do Restelo por Paradela, unha actuación que ten como obxectivo garantir a seguridade viaria durante a campaña de inverno. A institución provincial veuse na obriga de substituír este silo pola aparición de gretas no depósito e danos na estrutura metálica derivados do paso do tempo. A empresa Equipos Invernales SL está a levar a cabo os traballos que teñen un prazo de execución de catro meses e un investimento de preto de 40.000€.
Nestes momentos, estase a comezar coa desmontaxe e retirada do depósito e da estrutura existente. Posteriormente,instalarase unha nova estrutura metálica reforzada, un elemento troncocónico de aceiro inoxidable e un novo depósito de poliéster reforzado con fibra de vidro, aproveitando a cimentación existente, que se atopa en bo estado de conservación.
A Deputación conta con varios silos deste tipo distribuídos pola súa rede viaria, todos eles con capacidade para 35 toneladas de cloruro sódico, fundamentais para garantir o almacenamento e o baleirado directo do fundente sobre os camións de conservación. Esta renovación permitirá dispoñer de instalacións modernas e seguras, reforzando a capacidade de resposta ante episodios de neve e xeo e garantindo a mobilidade segura da veciñanza en condicións meteorolóxicas adversas.
Os depósitos de sal están situados en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil, sumando un total de 420 toneladasdispoñibles para atender as necesidades dos concellos ante as inclemencias do tempo.
A través do Plan de Vialidade Invernal, a institución provincial cubre os 4.217 quilómetros da rede viaria provinciale establece un protocolo de actuación para os 67 concellos da provincia. Este plan facilita a colaboración entre administracións e pon á disposición dos concellos recursos humanos, técnicos e sal de mina para facer fronte ás emerxencias en estradas municipais, especialmente nas zonas de maior altitude.