Deputación de Lugo

O Presidente participa na inauguración do novo túnel de Oural que “marca un antes e un despois nas comunicacións ferroviarias de Lugo”

José Tomé Roca
delegación do goberno
Inauguración Túnel Oural
- O mandatario provincial asistiu xunto ao Delegado do Goberno en Galicia e o Alcalde de Lugo á posta a punto desta infraestrutura de 1,9 quilómetros de lonxitude que entrará en servizo a partir deste martes

O investimento forma parte da modernización integral da liña, que conta cun orzamento de 626 millóns de euros financiado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España

José Tomé avanzou que “esta actuación representa unha das maiores apostas en infraestruturas ferroviarias en décadas e permitirá cumprir varios obxectivos: mellorar o estado da infraestrutura, aumentar a fiabilidade das liñas e garantir a calidade do servizo ferroviario”

 

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou xunto ao Delegado do Goberno, Pedro Blanco Lobeiras, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, na inauguración do novo túnel de Oural, a infraestrutura dun total de 1,9 quilómetros de lonxitude que entrará en servizo mañá martes, 23 de setembro. Esta actuación forma parte dun investimento histórico: 626 millóns de euros para renovar integralmente a liña Ourense-Monforte-Lugo.

O mandatario provincial avanzou que “hoxe é un día de gran satisfacción para toda a provincia, porque o Túnel de Oural representa unha das maiores apostas en infraestruturas ferroviarias en décadas. Grazas á vontade política esta actuación, que foi todo un reto de enxeñaría e nas que chegaron a traballar case 500 persoas, permitirá cumprir varios obxectivos: mellorar o estado da infraestrutura, aumentar a fiabilidade das liñas e garantir a calidade do servizo ferroviario”.

“O Túnel de Oural é, polo tanto, unha mostra clara de que cando hai intención política e investimento real, Lugo pode situarse no lugar que merece, con servizos públicos á altura e con infraestruturas que xeran progreso, cohesión territorial e oportunidades de futuro”, valorou José Tomé. 

Destacou tamén que “esta infraestrutura marca un antes e un despois para as comunicacións ferroviarias de Lugo. A súa posta en marcha significa que hoxe a provincia de Lugo dá un paso adiante en materia de modernización deixando atrás anos de esquecemento que prexudicaron directamente a conexión ferroviaria co resto de comunidades” e fixo especial fincapé en que “estes anos de Goberno socialista marcaron un punto de inflexión para a provincia de Lugo, cun investimento en infraestruturas que supera os 746 millóns de euros: para a modernización da liña ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo; a nova Estación Intermodal de Lugo ou a rehabilitación estrutural da A-6”. 

Ademais, o tamén Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros sinalou que os efectivos do Parque de Sarria, xunto cos sarxentos da zona sur da provincia, participaron esta mañá no interior do túnel nun simulacro dun accidente ferroviario que incluíu a saída de vía dun tren, a presenza de persoas feridas no interior e un posterior incendio.

Nesta actuación asistiron tamén efectivos sanitarios do 061, unidades da Cruz Vermella, membros da Garda Civil e outros equipos de emerxencias, co obxectivo de poñer a proba a coordinación e a eficacia da resposta ante unha situación real de risco. Este tipo de simulacros son obrigatorios por lei antes da posta en funcionamento da infraestrutura o que permite garantir a seguridade das persoas usuarias, así como verificar que todos os protocolos de intervención funcionan correctamente.

A este acto de inauguración tamén asistiu a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e o Concelleiro de Dinamización Económica do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, acompañados de técnicos de ADIF.  

Posta en marcha do novo túnel


O túnel histórico de Oural que estivo en servizo desde finais do século XIX reconverterase en galería de evacuación para garantir a seguridade en caso de emerxencia e contará con tres saídas cada 500 metros aproximadamente, aptas para vehículos de mantemento e servizos de emerxencia, mentres o novo túnel disporá de pasos biviais que permitirán o acceso de vehículos rodados á vía.

A actuación conta con financiamento europeo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no marco do programa NextGenerationEU e contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en materia de infraestruturas sostibles e de calidade, sustentabilidade enerxética e xeración de emprego

Investimento histórico


O proxecto enmárcase na modernización integral da liña Ourense–Monforte–Lugo na que Adif mobilizou un investimento global de 626 millóns de euros dos cales xa se executaron máis de 507. O Plan tamén comprende a renovación da vía do balasto e das travesas entre Monforte e Lugo; a electrificación do tramo Monforte–Lugo e a adaptación a 25 kV do tramo Ourense–Monforte; o reforzo de 56 pontes e túneis ademais de desmontes e terrapléns; a implantación de novos sistemas de sinalización e telecomunicacións; a modernización das estacións de Monforte, Sarria, Rubián, Oural e Laxosa así como a construción da nova estación de Lugo; a implantación do Bloqueo de Liberación Automática en Vía Única entre Monforte e Lugo Mercadorías e dun novo paso inferior en Monforte; e a posta en marcha dunha nova subestación eléctrica en Oural, entre outros.