A asociación Os do 21 recibe 20.000€ da Deputación para manter seis grupos folclóricos no Vicedo
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a representante da asociación cultural Os do 21, Noelia Piñeiro García, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará 20.000€ a este colectivo. Os fondos da Deputación de Lugo servirán para que O Vicedo manteña os seis grupos folclóricos que integran Os do 21.
“Esta colaboración dá conta do compromiso que temos co tecido asociativo. Sabemos que unha boa rede de colectivos, activa e forte, é a columna vertebral da vida social e comunitaria do territorio. É sinónimo de máis democracia, máis desenvolvemento e máis futuro”, valorou o mandatario provincia, que puxo en valor o labor desta asociación nos seus máis de 40 anos de historia fomentando a cultura a través da danza, o teatro e as tradicións populares.
Os do 21 poderán afrontar, con cargo a este investimento da Deputación, os gastos de mantemento das instalacións, costear a indumentaria e materiais para as actividades culturais, o transporte, carteis para dar publicidade as súas actividades, financiar servizos de asesoría ou o gasto dos seguros de responsabilidade civil.
Na actualidade, a agrupación folclórica é a única asociación deste tipo que hai no concello e consta dos seguintes grupos: As Folerpas, con integrantes de entre 6 e 12 anos; As Faiscas, para persoas de entre 12 e 15 anos; As Ferriñas, entre 14 e 22 anos; As Furelas, que é un grupo de iniciación para adultos; e Os do 21, que é o grupo adulto.