Máis de 20.000 persoas daranse cita nunha nova edición do Caudal Fest que impulsa a Deputación
“Esta cita musical é un auténtico motor económico para a provincia porque milleiros de provedores, hoteis ou casas rurais vense beneficiados polo Caudal Fest, o que dá conta da capacidade que ten para atraer visitantes. Estamos falando dunha cita que xera un impacto económico de 3 millóns de euros” avanzou Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, percorreu este mércores xunto ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, as instalacións do Caudal Fest, ao tempo que supervisaron as tarefas de montaxe do recinto no que se celebrará esta cita musical. O evento, que este ano cumpre coa sétima edición, terá lugar este venres e sábado nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e prevé reunir a máis de 20.000 persoas.
O Deputado provincial fixo referencia a que o Caudal Fest “é un auténtico motor económico para a provincia porque milleiros de provedores, hoteis ou casas rurais colaboran con este festival, o que dá conta da capacidade que ten para atraer visitantes. Estamos falando dunha cita que xera un impacto económico de 3 millóns de euros e que reúne a máis de 20.000 visitantes que poderán probar a nosa gastronomía e visitar o noso patrimonio”.
Pola súa banda, Miguel Fernández avanzou que “no Concello de Lugo apostamos por esta iniciativa xa desde a primeira edición, no ano 2018, e a día de hoxe conseguiu consolidarse dentro do calendario nacional de festivais”. O rexedor local recalcou tamén que se trata dun evento para “poñer en valor a nosa cidade e a oportunidade perfecta para promocionar Lugo como referente turístico e cultural dentro e fora de España”.
Programa
O Caudal Fest 2025 reunirá esta sétima edición a vinte grupos e artistas de recoñecido prestixio nacional e internacional. O venres 19 subirán ao escenario Carlos Ares, Love of Lesbian, Duncan Dhu ou Dani Fernández, mentres que o sábado 20 será a quenda de Marlon, Zahara, Melendi ou Carolina Durante, entre outros. Os concertos darán comezo ás 17:30 horas o venres e ás 17:50 horas o sábado e, ao igual que en anteriores edicións, haberá dous escenarios e numerosas foodtrucks para que os asistentes desfruten tamén dunha ampla oferta gastronómica.