A Deputación colabora coa protectora de animais do Valadouro e Alfoz para garantir o seu funcionamento
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta da Asociación Protectora de Animais O Valadouro-Alfoz, Lucía López Tallón, polo cal a institución provincial achega 10.000€ á entidade para cubrir os gastos derivados do funcionamento do refuxio con capacidade para 30 cans e gatos.
Este investimento serve para que a protectora mariñá faga fronte, xunto con preto de 1.000 euros de fondos propios, á alimentación dos animais; gastos veterinarios; asesoramento fiscal, contable e administrativo; ás pólizas de seguro; servizos de desinfección; e gastos de limpeza e mantemento.
“Aquí estamos a facer unha inversión en benestar social, saúde pública, educación e sustentabilidade”, argumentou o Presidente. “As protectoras de animais desenvolven unha función que repercute en toda a comunidade garantindo a seguridade e a salubridade; transmiten valores de respecto e responsabilidade e contribúen ao desenvolvemento sostible da sociedade na que vivimos”, engadiu.
O refuxio, situado na parroquia de Santa Cruz, no Valadouro, dá servizo aos municipios do Valadouro, Alfoz, Muras e Lourenzá. Construído no 2018 con fondos da Deputación de Lugo, esta instalación serviu para consolidar unha rede comarcal de refuxios e reforzar a capacidade de atención na comarca mariñá.