Deputación de Lugo

A Deputación achega 5.000€ a Auxilia Monforte para favorecer a integración das persoas con discapacidade

José Tomé Roca
Auxilia Monforte
Sinatura convenio con Auxilia Monforte
O Presidente asinou coa responsable da entidade un convenio polo cal a institución provincial axudará a financiar un conxunto de actuacións deseñadas para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da comarca da Ribeira Sacra

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta de Auxilia Monforte, Sofía Pardo Viloria, polo que a institución provincial achega 5.000 euros a esta entidade social para favorecer a integración das persoas con discapacidade. 

Grazas a este investimento, a Deputación axuda a financiar un conxunto de actuacións deseñadas para promover a autonomía persoal dos veciños e veciñas da comarca da Ribeira Sacra que sofren algún tipo de discapacidade. Concretamente con cargo a esta achega, Auxilia Monforte organiza talleres de estimulación cognitiva, psicomotriz e dinámicas de grupo, costea intervencións individualizadas no fogar das persoas usuarias e mantén contacto telefónico con elas. 

Estas accións requiren de medios humanos que a entidade pode contratar coa axuda destes fondos. Nese sentido, Auxilia Monforte dispón dun condutor responsable do transporte adaptado, unha monitora de tempo libre e unha traballadora social.

Segundo os datos do Censo de Persoas con Discapacidade de Galicia 2024, na provincia de Lugo hai máis de 35.000 persoas con diversidade funcional e neste caso, Auxilia Monforte atende ás persoas dos concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, O Courel, O Incio, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.

A Deputación de Lugo destina este ano 2025 un total de 41,2M€ -un terzo do seu orzamento- ás políticas sociais, que en palabras do Presidente “é algo que nos definen como Goberno e son un sinal de identidade desta Administración”.