O Presidente entrega en Monforte de Lemos o premio ao vencedor da etapa 15 de La Vuelta que patrocinou a Deputación ao seu paso pola provincia

“Desde a institución provincial colaboramos nesta edición cunha achega de 100.000€ Grazas ao patrocinio que vimos mantendo nos últimos anos, conseguimos que Lugo se consolide como escenario habitual deste evento de alto impacto mediático e internacional”, recordou Tomé Roca
O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, entregou este domingo na Praza da Compañía do municipio monfortino o premio a Mads Pedersen, o ciclista que se proclamou líder da etapa 15 de La Vuelta. Previamente, o máximo representante da institución provincial asistiu tamén ao inicio desta fase na localidade asturiana de Vegadeo e seguiu en directo todo o percorrido, que con 167 quilómetros de lonxitude, atravesou a provincia de Lugo ao seu paso por nove concellos lucenses.
Durante a xornada o máximo representante da institución provincial estivo acompañado polo Director Xeral desta proba ciclista, Javier Guillén, e ao acto de entrega tamén asistiu o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón e concelleiros e concelleiras do Concello de Monforte de Lemos.
O mandatario provincial recordou que “a Deputación de Lugo colabora con esta edición cunha achega económica de 100.000€. Grazas ao patrocinio que vimos mantendo nos últimos anos, conseguimos que Lugo se consolide como escenario habitual deste evento de alto impacto deportivo, mediático e internacional. La Vuelta é, sen ningún tipo de dúbida, unha plataforma de proxección mundial, un evento que está na elite do ciclismo mundial, á altura do Giro de Italia ou o Tour de Francia”.
Sinalou tamén que “se trata dunha proba que, entre organización, equipos e medios, mobiliza a unhas 3.000 persoas. Polo que estamos a falar dun elevadísimo impacto económico directo que, segundo os informes técnicos, sitúase arredor do 1,9 millóns de euros para a nosa provincia. Ademais, non podemos esquecer que La Vuelta se retransmite en 190 países, cunha audiencia global de arredor de 400 millóns de persoas”.
Esta etapa contou cun perfil de media montaña e desenvolveuse entre as comarcas da Montaña lucense e a Ribeira Sacra atravesando de norte a sur a provincia de Lugo. Iniciouse na localidade asturiana de Vegadeo e tras pasar por municipios como San Martín de Oscos ou Santa Eulalia de Oscos, atravesou os concellos da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio e Bóveda. Finalmente, o pelotón entrou a Monforte de Lemos pola rúa Doutor Casares, onde culminou o final da etapa.


