Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

As rutas fluviais da Deputación volven ser unha das principais alternativas turísticas do verán con máis de 32.000 viaxeiros

Pilar García Porto
rutas fluviais
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo balance desta oferta de ocio nos meses de xuño, xullo e agosto que ofrece a institución provincial nos embarcadoiros de Ponte do Sil e de Belesar

“Son datos moi positivos que confirman o éxito do modelo turístico sostible e de calidadeimpulsado pola Deputación, que convida a coñecer a Ribeira Sacra mediante unha experiencia única que combina natureza, cultura e desenvolvemento económico”, subliñou García Porto

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra impulsadas pola Deputación de Lugo volveron ser este verán un dos atractivos turísticos máis demandados na comarca e no conxunto da provincia. Máis de32.000 persoas desfrutaron entre os meses de xuño e agosto das travesías que parten dos embarcadoiros de Ponte do Sil e Belesar. 


A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, fixo este martesun balance moi positivo da temporada estival recalcando que a ocupación media foi de preto do 80%, un dato que “reflicte o interese crecente por unha proposta turística singular, que permite descubrir a Ribeira Sacra desde o río, combinando natureza, patrimonio e tranquilidade”. Este rexistro, indica, cobra máis relevancia se se compara cos datos do pasado ano, cando entre marzo e agosto participaron arredor de 29.000 persoas. “Só no período de xuño a agosto deste verán superáronse os 32.000 viaxeiros, o que reflicte un incremento notable da demanda e a consolidación destas travesías como un dos principais reclamos turísticos da Ribeira Sacra”.


“Estamos moi satisfeitos, son datos moi positivos que confirman, un ano máis, a acertada aposta da Deputación por un modelo turístico sostible e de calidade”, destacou Pilar García Porto, quen ademais destacou o impacto económico directo que xera este servizo na comarca, “as rutas fluviais son un motor para o turismo local, contribuíndo ao desenvolvemento hostalería, o comercio, e xerando riqueza. Cada visitante convértese nun embaixador do territorio, que contribúe a preservar e dar a coñecer o noso patrimonio”.


A campañadas rutas fluviais continúa activa ata o 8 de decembro con dúas rutas dispoñibles: a Ruta Fluvial do Cañón do Sil, con capacidade para 159 prazas, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, cunha capacidade de 63 viaxeiros. Esta oferta inclúe tarifas especiais para colectivos, persoas xubiladas, mozos, desempregados e familias numerosas. 


As persoas interesadas en realizar algunha das dúas rutas que ofrece a Deputación de Lugo, reservar praza e consultar máis información poden reservar a súa praza a través da páxina web: https://reservas.rutasembalses.es/. 


Datas e horarios ata fin de tempada

Os viaxeiros poderán facer as rutas todos os días no mes de setembro. Ata o 14 poderán escoller a ruta Canón do Sil en horario de 11:00, 11:30, 16:00, 17:00 e 19:00 horas, ou a de Cabo do Mundo ás 11:30, 16:30 e 19:00. A partir de mediados de setembro os catamaráns non sairán xa á noitiña nin desde o embarcadoiro de Ponte do Sil nin desde Belesar Pobo, polo que deixarán de ofrecerse as rutas das 19:00 e das 19:30, manténdose o resto das opcións horarias. 

No mes de outubro a ruta Canón do Sil ofrecerá servizo no catamarán Mencía de mércores a venres con dous horarios, ás 11:30 e ás 16:30 horas. As fins de semana e os días 8, 9 e 10, coincidindo coa ponte do Pilar, entrará tamén en servizo o monocasco Canón do Sil, ofrecendo entre ambas embarcacións rutas ás 11:00, ás 11:30, ás 16:00 e ás 16:30 horas. A ruta Cabo do Mundoofertará as fins de semana e os días 8, 9 e 10 viaxes ás 11:30 e ás 16:30 horas.

En novembro os viaxeiros só poderán facer rutas en catamarán nas fins de semana. Durante o primeiro fin de semana, con motivo da festividade de Todos os Santos, a ruta Canón do Sil ofrecerá viaxes ás 11:00, ás 11:30, ás 16:00 e ás 16:30 horas. Desde a fin de semana do 8 e 9 de novembro só operará o catamarán Mencía no embarcadoiro Ponte do Sil, con saída ás 11:30 e ás 16:00. A ruta Cabo do Mundo funcionará todo o mes ás fins de semana ás 11:30 e ás 16:00 horas.

O servizo rematará coa ponte de Decembro. Entre os días 1 e 8 desde mes, o embarcadoiro Ponte do Sil e Belesar Pobo ofertarán viaxes ás 11:30 e ás 16:00 horas.