O Presidente destaca nun encontro con usuarios de ACOPROS o esforzo desta entidade pola plena inclusión das persoas xordas na sociedade
José Tomé Roca sinalou que “prestar apoio ás persoas maiores con perda auditiva mellora a súa saúde e benestar, pero tamén favorece a súa autonomía, reforza as súas relacións sociais e evita situacións de illamento”
A Asociación, creada no 1976, desenvolve a súa actividade a nivel autonómico e conta tamén con sedes na Coruña e Pontevedra. Na provincia de Lugo este programa presta atención a 12 usuarios e usuarias de Lugo, Foz, Burela, Monterroso, Viveiro e Barreiros
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, mantiveron un encontro este martes en Lugo con usuarios e usuarias da Asociación de Colaboración e Promoción do Xordo (ACOPROS). Na visita, que tivo lugar na sede lucense da entidade, o mandatario provincial asinou un convenio de colaboración coa presidenta do colectivo, Mª Isabel Pazos Nogueira, mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 12.000€ para impulsar o programa Apoio integral para persoas maiores con perda auditiva.
Tomé Roca puxo en valor o traballo que realiza ACOPROS “desde fai case 50 anos na defensa dos intereses das persoas que padecen discapacidade auditiva, sensibilizando á sociedade sobre a realidade da xordeira e promovendo a necesidade de realizar un diagnóstico precoz e a atención desde idades temperás”.
Sobre o acordo de colaboración que formalizaron ambos representantes, José Tomé avanzou que “vai destinado a apoiar unha iniciativa dirixida a persoas maiores con perda auditiva. Grazas a este apoio, a entidade pode ofrecer atención individualizada a unhas 12 persoas de Lugo, Foz, Burela, Monterroso, Viveiro e Barreiros; e de forma indirecta consegue chegar a preto de 150 persoas”.
O mandatario provincial fixo especial fincapé na necesidade de “prestar apoio ás persoas maiores con perda auditiva, o que mellora a súa saúde e benestar, pero tamén favorece a súa autonomía, reforza as súas relacións sociais e evita situacións de illamento”.
Nese sentido, reafirmou “o noso compromiso coa igualdade de oportunidade e coa inclusión de todas as persoas na sociedade, apoiando proxectos que teñen un impacto real na vida das persoas. O labor que desenvolven entidades como ACOPROS contribúe a construír unha sociedade máis xusta, máis accesible e máis consciente da importancia de eliminar barreiras”.
Programa para maiores con perda auditiva
Este proxecto busca facilitar a integración das persoas maiores con perda auditiva mellorando o seu benestar emocional e social, promovendo a súa autonomía, aumentando as súas relacións interpersoais e reducindo situacións de vulnerabilidade e illamento social.
Ao longo deste ano, a asociación realiza con cada usuario do programa sesións individuais dunha hora de duración nas que se traballan especificamente as áreas cognitivas máis necesarias e realizan tamén actividades de rehabilitación e estimulación. Ademais, dentro deste proxecto, ACOPROS ofrece charlas informativas da man dos seus especialistas sobre a relación entre a xordeira e a deterioración cognitiva en persoas maiores.
ACROPROS
A Asociación de Colaboración e Promoción do Xordo constituíse na Coruña no 1976 e, a maiores da sede lucense, contan con centros na Coruña e Pontevedra, aínda que tamén atenden a usuarios e usuarias en Ourense.
As súas accións diríxense, principalmente, a buscar a integración familiar, educativa, laboral e social dos nenos e mozos xordos, pero tamén atenden a calquera persoa que o solicite. Nese sentido, traballan para previr a xordeira, promover o diagnóstico precoz e a intervención temperá tanto a nivel sanitario como educativo.