Deputación de Lugo

O Presidente fai seguimento dos lumes desde a zona afectada en Quiroga

Quiroga
lumes forestais
José Tomé Roca percorreu esta tarde, xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, a Subdelegada do Goberno en Lugo e alcaldes da Ribeira Sacra, algúns dos terreos perxudicados polos incendios

O mandatario provincial e Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros asegurou que “desde o primeiro momento traballamos de xeito coordinado e seguimos a total disposición do que se nos indica desde o Cecopi, con responsabilidade e solidariedade”

O Presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, achegouse na tarde deste xoves á zona afectada polo lume en Quiroga para facer seguimento da situación. Xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, e alcaldes e responsables municipais da Ribeira Sacra, o mandatario provincial percorreu algúns dos terreos perxudicados polos incendios.

Tomé Roca asegurou que “desde o primeiro momento traballamos de xeito coordinado, e seguimos a total disposición do que se nos indica desde o Centro de Coordinación Provincial de Loita Contra Incendios (Cecopi) que é quen dirixe e organiza o operativo autonómico; facémolo con lealdade, responsabilidade e solidariedade”. Nese sentido, o Presidente lembrou que o Consorcio mobilizou un operativo para apoiar a loita contra os incendios que levan días queimando con especial virulencia a provincia de Ourense.

Recordou que desde o martes 12 mobilizáronse efectivos, bombas nodrizas e vehículos de mando procedentes dos parques de Monforte de Lemos, Chantada, Viveiro, Vilalba, Barreiros e Sarria. E que este xoves o Cecopi reorganizou medios e pediu ao Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo que dispuxese só dun retén na base de Monforte por se houbese que apoiar algo. “O Cecopi marca as necesidades en cada momento e a nosa vontade, como non pode ser doutra maneira, é a de colaborar, achegando os medios e o persoal que temos a nosa disposición para combater o lume”, subliñou Tomé.