A Deputación destina 250.000€ á mellora de vías, servizos e espazos públicos de Guitiriz
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou coa Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, un convenio entre a institución provincial e o Concello chairego para colaborar en diferentes accións destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas deste municipio. A Deputación investirá 250.000€, practicamente o 100% do investimento necesario que ascende a 264.332€, destinado a 15 liñas de actuación que permitirán mellorar infraestruturas en distintas parroquias do municipio.
Destas accións, o acordo contempla actuacións nas 10 das 18 parroquias do municipio, centradas fundamentalmente na mellora de accesos e vías municipais. Entre as intervencións previstas inclúense o acondicionamento de camiños nos Ares e Revolta (Os Vilares), A Locencia e o acceso da LU-170 a Mirón de Abaixo (San Salvador), Recimil (Becín), Brañicas a Pena do Leito (Santa Mariña), Ameixeiras (Santa María), A Pena Redonda (O Vilar), A Castiñeira (Pígara) e A Graña (Buriz), cun investimento conxunto superior aos 100.000 euros. Tamén se levará a cabo unha actuación para mellorar a seguridade viaria na estrada LU-242, tanto na Pobra de Parga como no Mesón da Cabra, cun orzamento de 7.426 euros.
Outras das accións destacadas inclúen a adquisición de sinalización vertical e maquinaria para o mantemento das vías, como un cortacéspede e un cortasetos, así como a compra de material para a conservación das infraestruturas viarias, cun investimento próximo aos 40.000 euros. Así mesmo, está previsto o mantemento e axardinamento da praza do Campo da Feira, situada no centro da vila, cunha achega de 40.000 euros.
O convenio tamén permitirá realizar melloras no pavimento da nave do SENPA e renovar os sistemas de bombeo das estacións de tratamento de auga EDAR e ETAP. Ademais, acometeranse obras de reparación na cuberta da escola de Pardiñas, situada na parroquia de Lagostelle, e nos espazos deportivos do campo de fútbol Suso Cruz, cun investimento superior aos 30.000 euros.
Con esta colaboración, a Deputación de Lugo reafirma o seu compromiso coa cooperación dos concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos, e contribuír a fixar poboación no rural.