Deputación de Lugo

O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo reforza a súa colaboración coa Xunta de Galicia na loita contra os lumes que afectan á provincia de Ourense

O Presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio de Bombeiros, José Tomé Roca, informa que se vén de mobilizar hoxe un novo operativo con tres bombas nodrizas, catro vehículos de mando e trece efectivos para apoiar os traballos de extinción

Durante toda a semana houbo mobilizacións diarias de persoal e material dende os diferentes parques provinciais, así como contactos coa Conselleira de Medio Rural, tanto por escrito como por vía telefónica para materializar estas colaboracións

“Seguiremos colaborando todo o tempo que sexa necesario para atallar estes lumes con responsabilidade, solidariedade e co compromiso absoluto de protexer ás persoas, ás vivendas e ao noso patrimonio natural”, afirmou

 

 

O Presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, mobilizou un operativo para apoiar a loita contra os incendios que estes días arrasan con especial virulencia a provincia de Ourense. Nesta xornada, sábado 16 de agosto, anunciou Tomé Roca que se despregaron tres bombas nodrizas pesadas, catro vehículos de mando e trece efectivos, dos cales un sarxento permanece no parque de Monforte de Lemos coordinando o dispositivo e servindo de enlace co Centro de Coordinación Provincial de Loita contra Incendios  (Cecopi), quen dirixe e organiza o operativo autonómico.

O mandatario provincial explicou que este despregue se enmarca nunha colaboración coa Xunta de Galicia, que se mantivo ao longo de toda a semana tanto por escrito como mediante comunicacións telefónicas coa Conselleira de Medio Rural. “O Consorcio está á disposición do Cecopi, que é quen marca as necesidades en cada momento, e a nosa vontade é colaborar, achegando medios e persoal para combater o lume onde máis falta fai”, subliñou, ao tempo que detallou que se actúa sempre seguindo as indicacións que marcan as autoridades competentes e adapta os seus dispositivos ás necesidades que se determinen en cada momento. 

Tomé Roca informa que xa se mobilizaron efectivos, bombas nodrizas e vehículos de mando todos os días dende este martes procedentes dos parques de Monforte de Lemos, Chantada, Vilalba, Viveiro, Barreiros e Sarria. Este venres, por exemplo, estiveron traballando na zona afectada tres bombas nodrizas, dous vehículos de mando e once efectivos, permanecendo un sarxento en base para labores de coordinación.

O Presidente traslada unha mensaxe de apoio ás persoas afectadas: “Estamos ante unha vaga de incendios devastadora, que deixa dor, perdas e destrución. Quero expresar toda a solidariedade da provincia de Lugo coa veciñanza de Ourense e recoñecer o esforzo titánico de bombeiros, brigadistas, UME, forzas de seguridade, voluntarios e veciños e veciñas que loitan día e noite para salvar vidas e protexer o territorio”. 

Ademais, reclama que se investiguen a fondo as causas e se actúe con firmeza contra quen estea detrás desta traxedia: “Se hai man do home nestes lumes, estamos ante un acto criminal intolerable. Galicia non pode permitir que quede impune. Quen provoca un incendio forestal está a atentar contra a vida das persoas e contra o futuro do noso país, e debe responder ante a xustiza”.

Así mesmo, o Presidente quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á provincia de Lugo: “Estamos a enviar medios para apoiar onde máis falta fan, pero facémolo asegurando que os parques da provincia sigan contando con persoal operativo para atender calquera emerxencia. Seguiremos colaborando todo o tempo que sexa necesario, con responsabilidade, solidariedade e co compromiso absoluto de protexer ás persoas, ás vivendas e ao noso patrimonio natural”.