O Pleno reafirma o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGTBIQA+ polo Día do Orgullo
A Corporación Provincial acordou, por unanimidade, este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional reafirmando o seu compromiso cos dereitos do colectivo LGTBIQA+, con motivo do Día Internacional do Orgullo que se conmemora cada 28 de xuño. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto no que se expresa a vontade da institución provincial de seguir avanzando na provincia pola igualdade e a liberdade e o respecto polos dereitos humanos de todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual ou identidade de xénero. A Deputación subliña o papel das administracións públicas como garantes da convivencia e da igualdade real, e aposta por políticas activas que promovan a diversidade e reforcen os valores democráticos e a cohesión social. Con este acordo, a institución provincial tamén quere mostrar o seu apoio ás entidades sociais que traballan pola visibilidade e protección das persoas LGTBIQA+ e animar ao conxunto da cidadanía a participar nas distintas actividades que se organizan arredor desta data.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
O 28 de xuño conmemórase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha data de alcance mundial que celebra a diversidade e lembra a importancia de garantir os dereitos e liberdades de todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual.
Esta xornada ten a súa orixe nos feitos ocorridos en 1969 no barrio neoiorquino de Stonewall, que marcaron un antes e un despois na reivindicación dos dereitos civís do colectivo LGTBI. Desde entón, esta data consolidouse como unha oportunidade para reflexionar, recoñecer os avances logrados e seguir construíndo unha sociedade onde a dignidade, a liberdade e a igualdade plena sexa unha realidade para todos.
Neste 2025, desde a Deputación Provincial de Lugo, queremos reiterar o noso firme compromiso cos valores democráticos de igualdade, respecto, liberdade e dignidade. Reivindicamos o papel dos gobernos locais na promoción de contornas seguras, inclusivos e respectuosos, nos que a diversidade sexa comprendida como un valor compartido que enriquece a vida en comunidade.
É fundamental reforzar o papel das organizacións da sociedade civil, incluíndo ás entidades LGTBI como axentes de transformación social garantindo a súa participación activa na elaboración e avaliación das políticas públicas. Así mesmo, consideramos esencial que as institucións actúen con determinación fronte aos discursos que promovan a intolerancia, establecendo mecanismos eficaces para previr e abordar posibles situacións de discriminación.
Este ano é o 20 aniversario da aprobación da lei que permitiu o matrimonio igualitario e a adopción conxunta por parellas do mesmo sexo en España un avance significativo no recoñecemento legal e social do colectivo LGTBI, que situou ao noso país entre os máis avanzados no respecto á diversidade familiar e aos dereitos civís.
E aínda que é certo que España foi un país pioneiro froito do traballo conxunto de moitas persoas, organizacións e institucións tamén recoñecemos que aínda persisten situacións de desigualdade, violencia e rexeitamento que deben ser erradicadas con decisión e responsabilidade institucional, abordando -de forma integral- a realidade específica das persoas LGTBI, que ademais son racializadas, migrantes, con diversidade funcional ou en situación de pobreza dado que elas experimentan formas específicas e agravadas de discriminación. Neste sentido, é importante promover políticas que atendan estas circunstancias particulares con medidas de protección efectivas e proporcionais, sempre desde unha perspectiva centrada nos dereitos humanos e na cohesión social.
Segundos datos recentes, aproximadamente a metade das vítimas LGTBI de agresións físicas, sexuais ou verbais rexistradas non denuncian estes incidentes debidos principalmente ao medo ou á falta de confianza nos procedementos institucionais. Desde as entidades locais reiteramos o noso compromiso para xerar contornas de confianza, previr estas violencias e mellorar a resposta institucional fronte a calquera manifestación de odio ou discriminación.
Tampouco podemos obviar que, no contexto internacional, asistimos con preocupación a retrocesos en materia de dereitos humanos que afectan directamente ao colectivo LGTBI. Os discursos de odio, a reversión de avances legais e a persecución institucional nalgúns países poñen en risco principios fundamentais que deben ser preservados pola comunidade internacional.
Por todo iso, desde a Deputación Provincial de Lugo expresamos o noso apoio ás políticas públicas que promovan a igualdade de oportunidades e o respecto mutuo e subliñamos a importancia da educación, a sensibilización e o diálogo como ferramentas fundamentais para fortalecer a cohesión social e a tolerancia.
Convidamos a todos os gobernos locais a sumarse a esta declaración e a continuar desenvolvendo iniciativas que reforcen a inclusión e o recoñecemento de todas as persoas, con especial atención a quen se atopa en maior situación de vulnerabilidade. Porque a dignidade e a igualdade non deben ser un slogan, senón principios reais, sostidos desde o traballo conxunto, a responsabilidade democrática e o respecto á liberdade de todas as persoas.