Deputación de Lugo

O Presidente no lanzamento de Monforte como final de etapa de La Vuelta 2025: “Conseguimos que Lugo sexa un escenario habitual desta proba”

la vuelta
José Tomé Roca e Javier Guillén presentaron na Cidade do Cabe a xornada 15 desta cita ciclista, que se celebrará o 7 de setembro e que percorrerá tamén os concellos da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio e Bóveda

“Este é o resultado dunha aposta firme e sostida da Deputación polo deporte como motor de promoción territorial e desenvolvemento económico”, destacou o mandatario provincial, que cualificou a etapa deste ano pola provincia como “longa e esixente”

A institución provincial achega 100.000€ para a celebración deste evento deportivo que terá este ano a Montaña lucense e a Ribeira Sacra como protagonistas

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este luns na cidade do Cabe xunto ao director de La Vuelta, Javier Guillén, a etapa 15 desta proba ciclista que percorre a provincia ao seu paso por 9 concellos. Coa localidade monfortina como meta, o 7 de setembro este evento deportivo atravesará tamén os concellos da Fonsagrada, Baleira, Castroverde, O Corgo, Láncara, Sarria, O Incio e Bóveda. A institución provincial achega 100.000€ para a celebración desta cita que terá este ano a Montaña e a Ribeira Sacra como protagonistas.

“Que Monforte volva a ser final de etapa nun evento do prestixio de La Vuelta non é casualidade. É o resultado dunha aposta firme e sostida da Deputación de Lugo polo deporte como motor de promoción territorial e desenvolvemento económico”, sinalou o mandatario provincial. Puxo en valor que “a través do patrocinio que vimos mantendo nos últimos anos, conseguimos que Lugo sexa un escenario habitual desta proba tan seguida en todo o mundo”.

Tomé Roca destacou que a etapa lucense será “longa e esixente, que discorrerá por paisaxes espectaculares da Montaña lucense e da comarca de Sarria antes de rematar aquí, en Monforte. Un percorrido que non só poñerá a proba a resistencia dos ciclistas, senón que tamén amosará ao mundo a beleza e a diversidade da nosa provincia”.

Explicou que o impacto de La Vuelta “vai moito máis alá do deportivo”. Unha proba que “mobiliza a máis de 3.000 persoas, entre organización, equipos e medios. Só en impacto económico directo estimado, segundo os informes técnicos, a etapa pode supoñer máis de 1,9 millóns de euros para a provincia, e un retorno total superior aos 3 millóns. E isto sen contar o incalculable valor promocional de máis de tres horas de retransmisión televisiva en 190 países, cunha audiencia global de arredor de 400 millóns de persoas”. Un escaparate no que ver “as nosas montañas, os nosos ríos, os nosos vales e monumentos. Vese a nosa identidade, a nosa cultura, a nosa forma de vivir. Vese a provincia de Lugo como destino turístico sostible, de calidade, respectuoso co medio ambiente e cheo de experiencias auténticas”.

Unha estratexia de promoción

“A presenza de La Vuelta aquí é, por tanto, unha acción estratéxica de promoción turística, un investimento que reforza a nosa marca territorial. E facémolo tamén pensando na xente: porque queremos que este evento implique á veciñanza, que sexa un motivo de orgullo colectivo, e tamén unha oportunidade para a nosa hostalería, o noso comercio e os nosos pequenos negocios”, valorou. Finalizou sinalando que “este 7 de setembro, volveremos facer historia”.

Pola súa banda, Javier Guillén salientou que “a etapa 15 é un 7 de setembro e unha etapa de domingo, algo moi importante para o seguimento in situ ou popular que poida ter. É unha etapa que vén nun fin de semana moi cargado de montaña, precédenos Asturias, o venres co Angliru, cunha etapa de sábado coa Farrapona e unha etapa como esta, con dous portos de montaña desde o seu inicio, 170 quilómetros nos que non hai un só metro chan. Pódese pensar que é unha etapa para os sprinters, pero coa carga de cansazo e co terreo que temos será unha etapa emocionante e aposto que ganará un grupo reducido de corredores”.

Á presentación desta mañá, que tivo lugar na Casa Consistorial de Monforte de Lemos, asistiu tamén o concelleiro de Deportes do municipio monfortino, José Manuel Mougán.