Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación licita a compra e instalación do videomarcador para o Pazo dos Deportes, cun orzamento de 267.000 euros

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Pazo dos Deportes
VIDEOMARCADOR
EFRÉN CASTRO
A Xunta de Goberno provincial aprobou este venres os pregos do contrato, que  dá continuidade aos investimentos de  modernización do Pazo realizados pola área de Deportes

O vicepresidente da Deputación de Lugo  Efrén Castro informou da  licitación do contrato de subministración e  instalación dun videomarcador no Pazo dos Deportes, cun orzamento base  de 267.000 euros.

A  Xunta de Goberno aprobou hoxe os pregos de licitación, na que se establecen as características  do equipo,  establecendo unhas dimensións  mínimas de 525 cms x 225 cms nas caras máis grandes e 225 cms x 225 cms  nas caras cadradas, cunha superficie gráfica total mínima de 50 metros cadrados.

Atendendo ao estudo de carga da cuberta realizado para preparar a licitación, o contrato especifica que o peso conxunto da estrutura e dos  elementos accesorios estará limitado a 2.400 quilos.

Efrén Castro sinalou “que  seguimos avanzando na actualización e modernización do Pazo dos Deportes con outro investimento importante de 267.000 euros, que dotará a  instalación dun equipo de videomarcador  versátil no que se poderán proxectar todo tipo de contidos multimedia”

Os pregos marcan un prazo de execución de 30 días desde a formalización do contrato. O videomarcador instalarase no centro da pista, cunha  distribución de peso planificada no estudo de carga da cuberta.

Seguen as obras de reparación integral da cuberta

Entre tanto, continúan as obras de rehabilitación integral da cuberta do  Pazo, que comezaron o pasado mes de maio.

A  intervención, que supón un  investimento de 600.000 euros, suporá a impermeabilización dos 8.500 metros cadrados de superficie da cuberta cunha membrana de poliurea. Tamén se actuará sobre a instalación de evacuación de aguas pluviais  impermeabilizando as canles e renovando os entronques coas baixantes. Ademais incrementarase o número de baixantes e de aliviadoiros.

O obxectivo desta actuación integral no teito da instalación pretende  dar unha solución definitiva ás filtracións localizadas nalgúns puntos das bancadas, especialmente en episodios de chuvia intensa.