Deputación de Lugo

A Deputación colabora coas Xornadas Xurídicas de Sarria, centradas este ano na reforma da xustiza ante a sociedade do século XXI

Xornadas xurídicas
Sarria
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou este mércores na inauguración da 18ª edición destas xornadas o papel de Sarria como “centro xurídico e espazo de irradiación de coñecemento de referencia no ámbito nacional”

A institución provincial retransmite as xornadas por streaming, permitindo que o evento teña unha maior proxección e chegue a un público máis amplo, tanto profesional como académico

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores na inauguración das XVIIIXornadas Xurídicas Román García Varela de Sarria, unha cita de referencia no calendario xurídico estatal, que este ano aborda a reforma da xustiza ante a sociedade do século XXI. 

Pablo Rivera destacou o papel de Sarria como “centro xurídico e espazo de irradiación de coñecemento”, e lembrou que a Deputación de Lugo colabora con estas xornadas desde os seus inicios, reafirmando así o seu compromiso co pensamento xurídico e coa difusión do coñecemento. A institución provincial retransmite as xornadas por streaming, permitindo que o evento teña unha maior proxección e chegue a un público máis amplo, tanto no ámbito profesional como no académico. 

“Grazas á retransmisión en streaming impulsada pola Deputación de Lugo, as xornadas amplían o seu alcance e poden ser seguidas en tempo real por profesionais, estudantes e público interesado desde calquera lugar. A través da emisión en streaming, a Deputación de Lugo garante que estas xornadas teñan unha proxección maior, facilitando o acceso ao coñecemento xurídico a públicos diversos, dentro e fóra da provincia”, sinalou Rivera Capón. 

No acto inaugural que tivo lugar na Casa da Cultura sarriá participaron ademais o Alcalde da localidade, Claudio Garrido, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira. 

Pablo Rivera destacou a importancia deste encontro, “que trascende o ámbito académico e contribúe a construír un dereito vivo, comprometido cos retos reais da sociedade”. Subliñou tamén a presenza institucional como mostra da súa relevancia, subliñando que “o pensamento xurídico non require grandes capitais: require ideas sólidas, voces autorizadas e vontade de escoitar”.

Así mesmo, referiuse o Deputado aos desafíos actuais do dereito, como o impacto da intelixencia artificial, os delitos dixitais ou a violencia machista, que “esixen unha resposta firme, especializada e xuridicamente rigorosa”. Apelou nun contexto de transformación acelerada e discursos autoritarios emerxentes á defensa da independencia xudicial e da separación de poderes, lembrando que “a xustiza non é só un servizo: é unha promesa democrática”.  

Rematou agradecendo o traballo das persoas organizadoras e participantes e reiterou o compromiso da institución con estas xornadas “porque prestixian á provincia de Lugo e fortalecen o noso Estado de dereito”, concluíu o Deputado de Promoción Económica e Social.

As Xornadas Xurídicas de Sarria celébranse entre hoxe e o vindeiro venres, 6 de xuño, na Casa da Cultura da localidade, e pódense seguir en directo a través de YouTube grazas á retransmisión realizada polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo no marco da colaboración que a institución ten con esta cita de referencia. Un ano máis as conferencias que se imparten terán recoñecemento universitario, de maneira que o alumnado da UNED de Lugo obterá o equivalente a 10 horas lectivas.