A praza de San Marcos acollerá este xoves a presentación do novo videoclip de Lucía Pérez

A praza de San Marcos acollerá este xoves a presentación do novo videoclip de Lucía Pérez. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, participará xunto a cantante do Incio neste acto, no que tamén estará o artista galego G Face e a presentadora Beatriz Serén para proxectar nunha pantalla xigante, a partir das 19:30 horas, Cabaliño de Lugo.
Lucía Pérez e G Face compartirán a orixe e o proceso de creación do vídeo musical; explicarán como xurdiu a canción e ofrecerán detalles da gravación. Tras proxectar o videoclip de Cabaliño de Lugo, interpretarán a canción protagonista e, ademais, ofrecerán algunha canción máis do repertorio de cada artista.
A institución provincial colabora coa gravación deste videoclip e este evento, que servirá para difundir este vídeo musical no que aparecen algúns dos monumentos máis relevantes da provincia, como a Muralla de Lugo, a Catedral de Santa María e elementos do patrimonio etnográfico da contorna do río Miño.