A Deputación organiza un obradoiro para concienciar sobre a redución do uso de plásticos no Día Mundial do Medio Ambiente
A Deputación de Lugo organizará o día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, un obradoiro de educación ambiental destinado a concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos, promovendo a reutilización e a creatividade. O obxectivo destas actividade é promover o lecer saudable, poñer en valor o medio natural, e concienciar sobre o seu coidado e conservación.
A actividade enmárcase na campaña internacional deste ano, centrada na loita contra a contaminación por plásticos, unha problemática que require unha resposta global e urxente. Segundo os datos das Nacións Unidas, cada ano prodúcense máis de 400 millóns de toneladas de plástico a nivel mundial, das cales se estima que a metade está deseñada para un único uso, mentres que menos do 10% se recicla.
O obradoiro desenvolverase o xoves 5 de xuño na praza de San Marcos, en dúas quendas: de 17:00 a 18:15 horas e de 18:15 a 20:00 horas. O obradoiro está dirixido a familias e público en xeral, e inclúe a elaboración de marcapáxinas a partir de plásticos reciclados, combinando educación ambiental con actividades manuais.
En total ofértanse 65 prazas, e as persoas interesadas poden realizar as súas inscricións a través da páxina web da Deputación de Lugo na seguinte ligazón: https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais ou contactar co servizos de Medio Ambiente da institución.
A institución provincial anima á cidadanía a participar nesta actividade como un pequeno xesto que contribúe a un cambio colectivo necesario para protexer o medio ambiente e avanzar cara a un modelo máis sostible.
