San Marcos acolle a presentación da última obra da escritora Sonia Arias: Antes pasábase por aquí
O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, e a escritora nada en Paradela, Sonia Arias, presentaron este luns no Pazo de San Marcos, Antes pasábase por aquí, a última obra desta autora. A Deputación de Lugo colabora coa difusión deste poemario, “unha reflexión serena e fonda sobre o paso do tempo”.
Castro destacou que nesta nova publicación, “Sonia constrúe un tecido de lembranzas e vivencias que nos conecta coa nosa historia recente e coas transformacións que afectan ao rural”. Sinalou que ten a virtude de conectar coa xente e de demostrar que desde Paradela, “desde calquera sitio do rural, pódese chegar a calquera lugar”. Asegurou tamén que a Deputación seguirá colaborando con este tipo de proxectos, “apoiando en todo o que poidamos”.
Sonia Arias quixo agradecer tamén á Deputación por darlle a oportunidade de lanzar unha vez máis unha das súas obras, e confirmou que estará nas Feiras do Libro de Lugo e Sarria, os vindeiros 17 e 23 de maio respectivamente.