A Deputación presenta na poxa da Mostra Agrogandeira de Sarria 3 xovencas da Granxa Gayoso Castro

A Deputación de Lugo participou na XXXV Mostra Agrogandeira de Sarria, unha das principais citas do calendario rural da provincia. Durante a poxa celebrada este domingo, a institución provincial puxo á venda tres xovencas preñadas de raza Rubia Galega, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, situado en Castro de Rei.
Os exemplares, que pertencen ao rabaño de elite do centro de recría da institución provincial cunha excelente calidade xenética e sanitaria, foron adquiridos por gandeiros da provincia por un prezo medio de 2.833 euros. A boa acollida dos exemplares evidencia o interese do sector pola Rubia Galega, unha raza autóctona con grandes aptitudes para a produción cárnica e unha elevada capacidade de adaptación ao territorio. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, funciona como un centro de recría de referencia en Galicia e é clave na estratexia provincial para ofrecer ao mercado animais de calidade contrastada.
A Mostra Agrogandeira de Sarria congregou un amplo número de profesionais do sector, gandeiros e visitantes, consolidándose como un espazo de encontro, comercialización e dinamización do rural lucense. O evento contou, ademais, cun completo programa de actividades paralelas, como exhibicións, concursos, sorteos e propostas lúdicas para todos os públicos.