Alumnos e alumnas italianos de Erasmus no IES Xoán Montes visitan o Pazo de San Marcos
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu este martes a benvida, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a un grupo de 30 estudantes de 4º da ESO do IES Xoán Montes de Lugo, entre os que se atopaban 14 alumnos italianos que participan no programa Erasmus+. Ao longo da visita, o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento da Deputación de Lugo e o seu papel no impulso de iniciativas europeas, grazas á captación de fondos da Unión Europea. Ademais, percorreron as instalacións do Pazo e afondaron na súa historia. Para rematar a xornada, o grupo recibiu agasallos institucionais —mochilas, gorros e camisetas— xunto con material divulgativo sobre o medio ambiente e o turismo na provincia.