A Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña reunirá 200 animais o 10 de maio en San Román, co apoio da Deputación
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, o Concelleiro Miguel González Vilela, e a presidenta da asociación Territorio Verde, Sonia Rodríguez, xunto a outros representantes deste colectivo, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a quinta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que terá lugar en San Román de Cervantes o vindeiro 10 de maio co apoio da Deputación.
Pablo Rivera destacou que a institución provincial aporta 6.000€ ao colectivo para apoiar esta cita que reunirá a 200 animais e que busca poñer en valor o traballo do sector agrogandeiro da Montaña lucense.
“Desde a Deputación de Lugo sentimos un fondo orgullo por apoiar esta feira, cunha vontade política clara: acompañar aos concellos da montaña na construción dun futuro con raíces profundas. Porque defender o gandeiro da montaña é tamén defender a economía local, a xestión sostible do territorio, a cultura e o patrimonio natural”, afirmou o Deputado, quen lembrou que a institución provincial vén colaborando desde que se retomou no 2019 tras máis de tres décadas sen celebrarase.
O Deputado provincial animou a todos os lucenses e as persoas que visitan a provincia a que se acheguen a San Román este día, “onde non faltarán os concursos, a música tradicional, gastronomía e, por riba de todo, orgullo de ser e de estar na montaña”.
Nesta quinta edición, o colectivo organizador prevé superar os 200 animais do pasado ano entre gando vacún, equino, ovino e caprino, procedentes de distintas gandarías da montaña lucense e de Asturias.
Programa da feira
A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense.
A feira comezará ás 8 da mañá coa recepción do gando. Ao longo do día haberá poxa de xovencas, entrega de numerosos premios aos mellores exemplares, sorteos e inchables para nenos e nenas. A xornada estará amenizada pola mañá polos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e pola tarde, coa actuación de Tania e o seu acordeón.
O programa de actividades é o seguinte:
08:00 h: Recepción do gando e recollida de credenciais.
10:00 h: Votación do xurado segundo as categorías a premiar.
11:00 h: Animación a cargo dos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros.
12:00 h: Poxa de xovencas da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA).
13:30 h: Entrega de premios aos mellores exemplares.
16:30 h: Actuación de Tania e o seu acordeón.
19:00 h: Sorteo de 500 puntos.
20:30 h: Peche da feira.