O Presidente e o Alcalde de Lugo supervisan as obras da vía que une Conturiz e O Páramo e na que a Deputación leva investido preto de medio millón de euros

“Trátase dunha estrada que dá servizo directo aos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, que é moi empregada pola veciñanza, e que ten moito desgaste polo tránsito de vehículos agrícolas”, valorou o mandatario provincial
Miguel Fernández incidiu en que “as 54 parroquias que forman parte do noso municipio son unha prioridade para o Goberno local. Seguimos a traballar para garantir a cohesión territorial e social en todo o termo municipal”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, veñen de supervisar os traballos que está a acometer estes días a institución provincial na estrada LU-P-2904, a vía que conecta Conturiz, desde a N-VI ata O Páramo coa vía provincial LU-P-4304, e na que a Deputación leva investidos preto de medio millón de euros.
As obras, que se iniciaron a pasada semana e contan cun prazo de execución de dous meses, afectan ao tramo que vai do punto quilométrico 3,717 ao 9 e contan cun investimento da Deputación de case 230.000€. Os traballos que se están a realizar consisten na pavimentación con aglomerado en quente, tras a reapertura de cunetas. Posteriormente, procederase a pintar a sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas.
O mandatario provincial sinalou a importancia destas obras pois “trátase dunha vía que dá servizo directo aos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, que é moi empregada pola veciñanza, e que ten moito desgaste polo tránsito de vehículos agrícolas”.
Este proxecto súmase ao que vén de adxudicar a institución provincial na Xunta de Goberno do pasado venres e que afectará ao tramo que vai de punto quilométrico 9 ao 13,4. A Deputación de Lugo adxudicou estas obras por algo máis de 200.000€.
José Tomé destacou “o firme compromiso que mantemos coa mellora das vías provinciais”. Nesta liña, recordou que “vimos de anunciar un segundo paquete de obras dotado con 3,5 millóns de euros para acondicionar outros 120 quilómetros de vías ao seu paso por 20 municipios”. Tamén sinalou que “máis do 21% dos Orzamentos deste ano van destinados a conservar, manter e mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de toda España con 4.217 quilómetros de lonxitude”.
O Alcalde, pola súa banda, valorou a relevancia desta actuación para mellorar as comunicacións entre diferentes núcleos do rural de Lugo. “Esta estrada conecta Conturiz co Páramo, pero sobre todo conecta persoas, parroquias e servizos”, subliñou Miguel Fernández, quen incidiu en que “as 54 parroquias que forman parte do noso municipio son unha prioridade para o Goberno local”. Neste sentido, destacou que “seguimos a traballar para garantir a cohesión territorial e social en todo o termo municipal, para que todas as veciñas e veciños conten con infraestruturas e servizos axeitados ás súas necesidades, vivan onde vivan”.
O rexedor agradeceu ademais a implicación da Deputación de Lugo neste obxectivo compartido e puxo en valor “a colaboración entre administracións, que é fundamental para acadar resultados concretos que melloren o benestar da cidadanía”. Finalmente, salientou tamén que esta mellora “permite reforzar a seguridade viaria, algo esencial para a tranquilidade dos usuarios e usuarias desta estrada”.