Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación e o CB Breogán acordan un contrato de patrocinio cun importe de 480.000 euros para a vindeira temporada

CB Breogán
EFRÉN CASTRO
Salva Arco
Efrén Castro ofreceu a colaboración da Deputación de Lugo para responder aos retos que formulan o crecemento do tecido deportivo de Lugo e do CB Breogán

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o director xeral do CB Breogán Salva Arco presentaron este mediodía o contrato de patrocinio entre a institución provincial e o club celeste de cara á vindeira tempada 2024/2025, cun importe de 484.000 euros.

Na liña dos últimos anos, o contrato de patrocinio implicará, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación do club – con xogadores, persoal técnico e outros recursos -  en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base e en accións para difundir e visibilizar o traballo de asociacións do ámbito social, prestando o altofalante que ten o Breogán -pola súa repercusión deportiva e social- para apoiar a labor destes colectivos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo reafirmou “o compromiso da área de Deportes co Breogán a través destes contratos de patrocinio, que sitúan á Deputación de Lugo como o principal patrocinador institucional, moi por riba doutras administracións con moita maior capacidade orzamentaria”

Desde 2019 e sumando a cantidade consignada para a vindeira tempada, a institución provincial achegou ao CB Breogán 2,45 millóns de euros a través de contratos de patrocinio.

Instalacións

O vicepresidente da Deputación de Lugo tamén repasou as actuacións realizadas no Pazo dos Deportes,  co obxectivo de avanzar na mellora e modernización dunhas instalacións que teñen máis de 30 anos.

A este respecto, lembrou as intervencións nos canlóns e baixantes para paliar os problemas de pingueiras e filtracións, a aplicación dunha lámina asfáltica nas zonas máis vulnerables da cuberta,  a posta en marcha dun contrato de intervención rápida para atender da forma máis áxil posible a desperfectos ocasionados por episodios de choiva intensa  ou a instalacións de novos asentos no aro inferior das bancadas da pista central.

Tamén se referiu á renovación da iluminación, avanzando que se completará nas vindeiras semanas, culminando a substitución das luminarias e proxectores que se veu facendo de forma progresiva e deu conta dos traballos de pulido e limpeza da pista, que se realizou nos últimos días.

Ademais, Efrén Castro anticipou as xestións que están a realizar os servizos técnicos da Deputación de Lugo para determinar a viabilidade de instalar un videomarcador e un novo equipamento de son.  O vicepresidente explicou que se estuda a capacidade da cuberta para resistir a carga de peso adicional que suporía unha instalación destas características, e avanzou que, de confirmarse a viabilidade técnica, o vindeiro ano se  licitará a instalación deste equipamento.

Por outra parte, a Xunta de Goberno da Deputacíon de Lugo aprobou este venres a adxudicación dun contrato de limpeza e impermebealización das fachadas do Pazo dos Deportes, cun importe de 107.000 euros.

Man tendida para a construción de novas instalacións deportivas en Lugo

O vicepresidente da Deputación de Lugo constatou a necesidade de novas instalacións en Lugo que atendan os retos que formula o crecemento do tecido deportivo lucense en xeral e do CB Breogán en particular.

Nese sentido,  ante a dificultade de realizar unha ampliación da superficie construída do Pazo  -que requeriría un cambio da normativa urbanística e instalacións alternativas para que Breogán e Ensino adestren e xoguen mentras se realizan as obras - ofreceu a man tendida da Deputación de Lugo para abordar a construción de novas infraestruturas, contando co compromiso doutras administracións.

A este respecto, lembrou que o propio Pazo dos Deportes se construíu coa colaboracion da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello.