Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Adai acolle o 20 e 21 de abril o campionato Galego de Bola 9 e Bola 10 co apoio da Vicepresidencia

CAMPIONATO GALEGO FEMININO DE BILLAR
CLUB DE BILLAR DE ADAI
EFRÉN CASTRO
O Club de Billar de Adai organiza a terceira edición desta competición que reunirá a unha vintena de xogadoras de Galiza

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a terceira edición do  do Campionato Galego Feminino de Billar Bola 9 e Bola 10, organizado en Adai, no Corgo, polo Club de Billar de Adai, confirmando así que se trata dun referente en Galiza na promoción do billar feminino.

Celebrarase o 20 e 21 de abril na sede do club corgués, a antiga escola de Adai, e, dende a organización, destacan que contan coa participación dunha vintena de xogadoras de todo o país competirán durante a fin de semana polas primeiras prazas, que clasifican para os campionatos estatais, en cada unha das modalidades. Entre as participantes está confirmada a actual campioa Mayte Ropero, que pertence ao club organizador.

O Club Billar de Adai organiza por terceiro ano esta competición, dando pulo a unha traxectoria na que comezaron en 2021 co obxectivo de promover o interese e a afección feminina ao billar e facer da escola de Adai un punto de encontro para xogar, adestrar e tamén competir ao máximo nivel.

O vicepresidente e deputado de Deportes Efrén Castro felicitou “á directiva do club pola labor que veñen desenvolvendo a prol do deporte feminino,  co engadido de amosar que tamén desde o rural se poden organizar eventos de primeiro nivel”. Ademais destacou a importancia de contar na provincia de Lugo “cun club de referencia e capaz de formar ás novas xeracións en deportes de precisión”.

Pola súa banda, dende a entidade animan  á veciñanza “a achegarse o 20 e 21 de abril a Adai e descubrir este deporte”.